MOCIÓN DE CENSURA EN BOIMORTO

Xosé Lois Rivas, Mini: “O PP quere gobernar polas boas ou polas malas”

Mes e medio despois de chegar á alcaldía de Boimorto, Xosé Lois Rivas, Mini, (BNG) enfróntase a unha moción de censura rexistrada grazas a un concelleiro que se presentou pola lista do PSOE se sumar aos votos do PP. O alcalde non dubida en falar de “transfuguismo” e cuestiona a legalidade dunha moción que, para el, é “unha operación de altura” que responde á vontade do PP de gobernar a toda costa. 

mini2

-A moción de censura é xa oficial?

A moción non é efectiva até que a secretaria a recepcione. Até agora foi entregada no rexistro mais xa é pública. 

-Polo que se sabe, a moción é grazas ao cambio de voto dun concelleiro que se presentou polo PSOE, partido que forma parte do goberno e apoiou a súa investidura como alcalde. 

Trátase dun caso claro de transfuguismo mais moi premeditado. É unha operación e gran calado. Nun momento no que aínda nin se constituíra o grupo municipal do PSOE un deles forma grupo independente. Aquí estamos a falar de mafia pura e dura. Unha operación de altura, propiciada polo PP, que tira a pedra e agocha a man, ese PP que sabemos como funciona, que mantén o caciquismo e segue a facer da política unha nube de esterco. 

"Boimorto é un pastel apetitoso para quen quere facer negocio"

-E no PSOE que opinan? 

O grupo como tal aínda non existía, temos unha Xunta de goberno, neste caso pensamos dar a segunda feira unha rolda de prensa conxunta. Opinamos o mesmo. 

-Coida que a súa postura abandeirando a loita polo prezo do leite influíu á hora de acelerar a presentación da moción?

A loita polo leite é unha historia que lles estoupou nas mans mais non creo que fora a causa. Vén propiciado isto desde trinta e pico anos de desgobernos, de non administrar este país. No PP tamén hai alcaldes que teñen sensibilidade cando ven que os seus viciños sofren e se retorcen. Que Boimorto abandeire en certa medida a toma de postura dos alcaldes non creo que tivera moito a ver coa moción de censura. Os veciños láianse, ves chorar xente nas cortes e hai que responder. Este non é o motivo. A operación é de máis alto calado. 

-A que responde entón?

Este é un concello pequeno de 2.150 habitantes mais os servizos están municipalizados e o orzamento total é de 2.400.000 euros. Hai moito que dilapidar e é ambicioso para eles. Temos residencia, gardería infantil, servizo de auga municipalizado... É un pastel apetitoso para quen quere facer negocio. 

-Sospeitan que os cartos están detrás da moción de censura?

Non é unha moción normal ou corrente. O 99% da poboación presupón que hai cartos por detrás, que é unha operación mafiosa. Do que se fala en Boimorto é disto e a xente ten que pasarlle factura ao PP polo que está a facer. Debería supor a morte do PP en Boimorto mais, infelizmente, ao mellor non é así. O PP responde investindo. 

"Se foran reais as promesas de traballo que o PP fixo en campaña, o concello tería que ter mil e pico postos". 

-Que vostede fora alcalde foi, en certa medida, unha sorpresa, con dous concelleiros na corporación. Coida que podía haber medo da súa acción de goberno?

En absoluto. O cambio non ía ser tan drástico. Vimos dun goberno de coalición de 2003 a 2007, logo PSOE-Independentes-PSOE até 2012, e finalmente minoría do PSOE co BNG de chave até 2015. O BNG aporta sensatez e un traballo firme e tranquilo e a poboación sabe que non se ían facer tonterías e as promesas electorais eran firmes, con propostas interesantes. Era unha política de gran transparencia e continuidade co que se estaba a facer. A moción é motivada porque a dereita deste país, o PP,  quere mandar e se non é polas boas é polas malas, por cartos. Neste concello mataron por este tempo once persoas por seren leais á República, ao goberno lexitimamente constituído. Non quero facer similitudes mais esa é a historia. 

-Que vai pasar agora en Boimorto?

Aínda non teño claro porque necesita unha interpretación xurídica por parte da Xunta Electoral Central. Non é unha moción de censura dun grupo. Preséntase antes de que se faga nada, un individuo sae e monta un grupo aparte e posibilita a moción. O argumento que poñen é a inestabilidade mais non hai ningunha inestabilidade no Concello. O PP é transfuguismo puro e agora teño liberdade para dicir o que me peta. Está disposto a conseguir o poder a toda costa. 

"O PP é transfuguismo puro e está disposto a conseguir o poder a toda costa"

-Vostede ten denunciado ás maneiras de actuar o PP no rural, responde esta moción a esas prácticas?

E tanto. Sigue a haber ameazas. Se foran reais as promesas de traballo que o PP fixo en campaña, o concello tería que ter mil e pico postos. 

-Despois de dez anos á fronte do BNG de Boimorto, seguro que tiña moitos proxectos para desenvolver como alcalde... 

As miñas apetencias persoais non teñen a ver. Non son eu o que importa. Detrás está unha asemblea do BNG e uns compañeiros do PSOE mais o que conta de verdade son os proxectos e é unha mágoa que vaian ao garete. 

-Que lle diría ao PP de Feijóo, que pode frear a moción favorecida por un tránsfuga...

Ao PP galego non teño nada que dicirlle. Aos de aquí, teño, que son veciños. O PP é culpábel da desertización do meu concello, de non facer e non deixar facer. O que me temo é que é o partido desde arriba o que promove. Non é un capricho de aquí, dos concelleiros de Boimorto. 
 

Comentarios