REACCIóNS á SúA MORTE

Xosé Chao Rego: o máis prolífico teólogo e antropólogo que deu Galiza

Na mañá do sábado, falecía Xosé Chao Rego. Sermos Galiza recolle reaccións á súa morte de recoñecidas persoas que o trataron. Todas elas destacan a inmensidade da súa obra e o seu amor polo país.

chao
photo_camera chao

No día no que se cumpre o cabodano da morte de Francisco Carballo, grande amigo do recentemente finado Xosé Chao Rego, reproducimos as palabras de Rubén Aramburu, crego; Pilar García Negro, escritora e profesora da UdC; Marica Campo, escritora; Engracia Vidal, promotora de Mulleres cristiás galegas e de Encrucillada, e Xabier Blanco, crego, que en declaracións a Sermos Galiza dan conta da figura de Chao Rego.

Rubén Aramburu: “Rachou con esquemas impostos desde fóra que non contaban coa xente de aquí, nin coa lingua, nin coa forma de vivir e ser dos galegos e galegas”

“Hai que valoralo como o grande impulsor da Igrexa galega. Rachou con esquemas impostos desde fóra que non contaban coa xente de aquí, nin coa lingua, nin coa forma de vivir e ser dos galegos e galegas. Acometeu o labor de se mergullar na realidade do país, mesmo desde tradicións espirituais alleas ao cristianismo oficial que estaban latentes no cristianismo galego. Foi un gran creativo de formas e fórmulas, como a Romaxe dos Crentes Galegos, por onde recupera o sentir do país e consegue imprimilo nun cristianismo de vertente solidaria e de enorgullecemento de sermos galegos, un enorgullecemento do país. Foi quen de saír do entumecemento en que nos metía a igrexa oficial. Ademais, foi un gran paridor. Alén da súa obra deixounos as revistas Irimia e Encrucillada”.

Pilar García Negro: “Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”

“Era ou é, porque continúa vivo en toda a súa obra, un dos escritores galegos máis recoñecidos e mais admirados por min. Moitas das súas obras, agarimosamente dedicadas por el, foron moi lidas e moi aproveitadas. Coido que é o ensaísta de obra máis abundante das letras galegas de hoxe. Cualitativamente, tamén dunha obra onde se alía o gran rigor, a erudición e o coñecemento dun verdadeiro sabio. E estou a falar de disciplinas ou fontes de coñecemento como a Filosofía, a Teoloxía, o Biblismo e a Historia. Tamén a moitos saberes relacionados coa lingua galega. Alíase todo isto cunha excelencia literaria e mesmo cunha amenidade na exposición e na divulgación que fan da súa obra un auténtico manancial de saber, coñecemento e agrado, con atractivo literario. Foi absolutamente pioneiro no tratamento dalgúns temas, como a homosexualidade ou figuras históricas da nosa tradición, como Prisciliano (por citar só dous exemplos dunha obra tan rica e tan ampla). Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”.

Marica Campo: “Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno”

“No comezo da súa escrita en galego escribiu máis do que escribiron autores e autoras que o facían desde o principio en galego. Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno. Foi toda a vida un gran crente, de verdade. A súa paixón, xustamente, era achegarlle á xente a historia do pobo de Xesús de Nazaret. Para min, era un grande amigo. Gardo con moito cariño unha Biblia que me agasallou”.

Engracia Vidal: “O papel de Chao foi moi importante, como o seu sentido eclesial actual e a súa galeguidade”

“Foi un creador excepcional e creativo ao cento por cento. Foi un pioneiro dos coloquios galegos de parroquias dos anos sesenta, que desembocaron na primeira igrexa contestataria, nos primeiros grupos de igrexa que se revelaron. Tomou parte en cantidade de actividades como Encrucillada, Irimia, a Romaxe de Crentes Galegos e déixanos cantidade de libros. O único aspecto negativo de ser tan creador foi que tiñamos que aprender a camiñar nós, a tirar par diante aínda que el non estivese, porque aínda non desenvolveramos unha das súas ideas e saíalle outra de seguido. Grazas a el, a Igrexa galega púxose a andar. O papel de Chao foi moi importante, como o seu sentido eclesial actual e a súa galeguidade. Sempre dixo que era un converso da galeguidade”.

Xabier Blanco: “Ese é o gran legado que nos deixa: traballar por unha Galiza liberada e que a fe cristiá contribúa a que o pobo se reivindique a si mesmo”

“Déixanos unha herdanza nun tema que en Galiza e difícil, que é a fe e a galeguidade. Fixo un esforzo con Eu renazo galego, o símbolo dunha xeración. Intentou sempre unir unha fe cristiá a favor da liberación das clases popular. Ese é o gran legado que nos deixa: traballar por unha Galiza liberada e que a fe cristiá contribúa a que o pobo se reivindique a si mesmo como dono dunha identidade e dun idioma ao que el tanto lle dedicou. A mellor homenaxe que se lle pode dar é tentar que os seus soños se fagan realidade, seguir loitando para que sexan realidade.

Comentarios