Iria Otero, autora da nova imaxe do BNG

"É un novo logo pero sen desconectar co anterior"

Iria Otero (1987, Cangas do Morrazo), creativa e deseñadora publicitaria, é unha das persoas que está detrás da nova imaxe do BNG, apresentada hai apenas un mes. Un logotipo que, sen rachar co anterior, quere ser a evolución natural dun logo cargado de historia, modernizado, renovado e próximo á xente. 
 

iriaotero
photo_camera Iria Otero, traballando sobre o logo do Bloque

-Cal foi a idea da que parte este novo logo?

-Recollemos o encargo de actualizar o logotipo partindo da idea de que había que sincronizalo cun sentir novo do BNG. Tiñamos que plasmar ese tempo novo, xuventude, enerxía, frescura… e ao mesmo tempo manter a súa esencia. Ese foi o punto de partida. 

-Que elementos se mantiveron para conservar a esencia do logotipo?

-Penso que todos. As siglas, a bandeira, a estrela, a galeguidade que reforzamos recuperando a cor azul do logo inicial que se perdera en versións máis recentes… E a todo isto tratamos de engadirlle unhas pingas de actualidade.

-Os elementos son os mesmos pero cunha evolución?

-Si, hai uns reaxustes: as proporcións, trazos, as cores... pero xogamos cos mesmos elementos. Pretende estar acorde aos novos tempos pero sen renunciar á súa esencia, á súa personalidade.

-Perde protagonismo a bandeira galega no novo deseño?

-Eu penso que non, que a bandeira mesmo gaña forza. É certo que tratou de buscarse un equilibrio visual na proporción coas siglas ,pero a simplificación das cores e dalgúns elementos pon o foco na estrela e por tanto, na bandeira. A mirada vai cara ese punto, porque é o único elemento que está noutra cor xerando máis peso visual.

-Hai tamén un cambio de maiúsculas a minúsculas, buscábase unha imaxe máis próxima á xente nova e as novas tecnoloxías?

-Hoxe en día hai unha tendencia a construír logotipos en caixa baixa, hai moitos exemplos coma Facebook, Ebay… e tamén nos propios partidos políticos. Pero neste caso, responde máis a unha cuestión de equilibrio. A letra “b” e a “g” en minúsculas son como unha especie de espello simétrico que lle aporta equilibrio ao deseño. Por outra banda tamén é verdade que responde a un dos obxectivos que tíñamos de plasmar unha imaxe moi próxima, amable e modernizada. Penso que o uso das minúsculas e da nova tipografía, lixeiramente redondeada, traballa a favor destes obxectivos. 

-Buscábase un maior achegamento á xente nova?

-Si, pero non exclusivamente. Buscábase conectar o pasado, presente e o futuro do BNG nun novo logotipo, vencellando tanto á militancia, simpatizantes como a todos os galegos.

-Este deseño adaptouse a unha maior difusión en redes sociais?

-Si, de feito non foi só o relanzamento dun logotipo, senón tamén dun novo Manual de Identidade Corporativa. Neste documento, dispoñible na páxina do BNG, o que fixemos foi un estudo da marca e de como tiña que aplicarse en múltiples soportes tanto online como offline. Do que se trataba sobre todo era de que fose unha marca moi versátil dentro dos tempos que corren, para que fose adaptable a todo tipos de soportes e ao mesmo tempo manter unha imaxe unificada. Ás veces o que acontece con partidos políticos que teñen presenza en tantas localidades diferentes é que costa unificar a súa imaxe. A través deste manual o que fixemos é determinar unhas directrices moi claras de utilización. Penso que esta parte é case tan importante coma o propio deseño do logo. Agora, desexamos que teña una boa acollida.

Comentarios