Opinión

Xestionarmos os aeoroportos

Somos un pequeno País ao Oeste da Europa de potencialidades e vocacións exportadora e turística. Para Galicia un sistema aeroportuario coordinado e eficiente é chave para o seu desenvolvemento económico.

Feijóo fracasou en acadar ese sistema porque o problema non é de facer Comités ou levarse ben cun Ministro, senón que é competencial e de xestión. AENA é o sistema de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado da Europa, onde son os Poderes rexionais e/ou locais e os consorcios público-privados os que xestionan os aeroportos, no canto das axencias dos Estados. É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid.  Cómpre distinguirmos entre competencias de navegación aérea (que han pertencer á Unión Europea) e a da xestión dos aeroportos, que Galicia precisa.

Velaí como as grandes solucións aos grandes problemas ou reptos galegos veñen sempre da man do incremento do autogoberno. Mais neste caso, Galicia non habería repenicar o esquema centralizado de AENA na súa xestión futura, senón asociar aos concellos e aos axentes sociais á xestión autónoma de cada aeroporto.

É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid

Coordinar os aeroportos significa especializar. Con menos de tres millóns de habitantes os aeroportos galegos non se poden facer a competencia os uns aos outros, xa que esa competencia inviabiliza determinadas conexións. Ao mellor poden coexistir London Stansted en Compostela e London Heathrow na Coruña, pero a conexión con Dublin, con Amsterdam, con Frankfurt ou con Roma ha ser única. Doutro xeito estaremos potenciando Madrid como facilitador intermedio, con grave dano aos nosos intereses, nomeadamente aos turísticos.

Canto á coordinación de rotas, cómpre salientar algunhas evidencias. O aeroporto compostelán ha ser o aeroporto turístico e a grande porta cara Europa e América. A Coruña e Vigo han continuar a súa especialización como aeroportos de negocios, sensíbeis a cadansúas necesidades de Inditex e PSA-Citroen, motores económicos das áreas coruñesa e viguesa. 

O ramo é garantir unha mobilidade razoábel a respecto dos tres aeroportos. Para que os outros renuncien a determinadas conexións, o aeroporto operante ha estar ben conectado co conxunto do País. Hai que integrar os aeroportos co tren e co bus.

Comentarios