A xestión da pandemia marca o discurso de Fin de Ano de Núñez Feixoo

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, aproveitou o tradicional discurso de Fin de Ano para reivindicar a súa acción de Goberno durante 2020 sen concretar ningunha medida de cara a este novo ano. “Galiza afrontou esta proba inédita sen medo e tamén como un conxunto de institucións capaces de traballar harmonicamente”, sinalou Feixoo, quen expresou que “volveuse evidenciar esa Galiza entendida como fogar común, como familia”. 
Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press).

Feixoo reclamou aos galegos e galegas que “sigan sendo responsábeis”, após afirmar que “a vacina que os galegos xa están a recibir e que se vai estender aos poucos é o principio da fin”, “pero non cometamos o erro de pensar que neste momento xa todo terminou, porque non é así. É necesario que sigamos sendo escrupulosos no cumprimento das medidas de prevención”.

O presidente galego afirmou que “hai motivos para esperanza” e sinalou que “os mesmos galegos que afrontamos con tesón a pandemia somos os que imos pelexar a recuperación”. "Cando ese momento chegue, a Galiza estará preparada para aproveitar as medidas de reactivación que a Unión Europea acordou", agregou. Concluíu o discurso advertindo: “Se estamos a loitar xuntos contra a pandemia, xuntos volveremos levantarnos e avanzar". 

‘Feixoo non deu a talla’

As palabras de Feixoo non convenceron a xefa da oposición, Ana Pontón. “Galiza deu a talla nesta crise, sen dúbida ningunha, pero o Goberno de Feixoo non. Os galegos e as galegas estiveron á altura, dando o mellor de si, cun comportamento exemplar, reaccionando desde a solidariedade e desde a coraxe ante esta crise. Pero enfronte só tiveron un Feixoo instalado na improvisación permanente, incapaz de anticiparse e de dar solucións, incapaz de aprender dos erros, un presidente da Xunta que non toma nota das leccións que deixa a pandemia”, afirmou.

Referiuse a “dúas moi claras”: que hai que blindar a sanidade pública e que hai que pór en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta unha vellez digna. Desde o BNG imos seguir traballando para que 2021 sente as bases da reactivación económica e social e sexa o ano no que se fortalezan os servizos públicos que se demostraron imprescindíbeis nesta crise”, apuntou a dirixente nacionalista.

A portavoz nacionalista cuestionou a capacidade de xestión de Feixoo e apuntou que “non foi capaz de defender os intereses dos galegos e das galegas nos orzamentos do Estado, e o último exemplo desa incapacidade política está no reparto dos fondos europeos para a reactivación económica e social, nos que de novo Galiza é discriminada polo Goberno do Estado”.

‘Falla de rumbo e ambición’ 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, amosouse moi crítico co discurso de Feixoo e denunciou “a falla de rumbo e ambición” do presidente galego, o seu escaso compromiso coa defensa do público e a “ausencia” e “inacción” diante os problemas da cidadanía. Neste sentido, urxiu Feixoo a “despregar o paraugas da protección social” con “todas as medidas ao alcance do Goberno galego para protexer as persoas”, tras un 2020 que cualificou como “o ano máis duro que recordamos”.

Caballero apostou por facer de 2021 o ano da "esperanza, da ilusión e da reconstrución”. “Para iso Feixoo ten que ter un claro compromiso da defensa do público, do benestar e despregar todas as medidas ao alcance do Goberno galego para protexer as persoas fronte á crise de maior envergadura”, aseverou o máximo dirixente dos socialistas galegos.

O líder do PSdeG-PSOE lembrou os sectores máis golpeados pola crise, como “a hostalaría, o comercio, 

a cultura, a industria, os desempregados”, volveu tender a man a Feixoo para cooperar na saída da crise e sinalou que a súa formación vai seguir traballando en 2021 para “construír unha Galiza mellor” e con “man tendida” en beneficio dos galegos e das galegas.

Comentarios