Teatro

'A xente 2.0': a asemblea a debate, entre o desencanto e a esperanza

En plena pandemia, María Vázquez e Víctor Duplá botan a andar a súa compañía propia, Amorodos Producións, un proxecto que viña de antes, con 'A xente 2.0'. O espectáculo adaptado, fóra dos moldes do convencional, propón unha experiencia grupal que cuestiona con humor e sen benevolencia o concepto mesmo da participación. 
María Vázquez en 'A xente 2.0'.
photo_camera María Vázquez en 'A xente 2.0'.

A xente. Que xente? Pois a xente. Pero quen é a xente? A xente é… Os demais? Si. Nós? Tamén. Todos. Todos?". Así escoitaremos reflexionar o elenco d'A xente 2.0, a carta de presentación de Amorodos Producións que se estrea esta mesma sexta feira no Festival Internacional Outono de Teatro (Fiot) de Carballo.

Trátase da compañía formada no presente ano por María Vázquez e Víctor Duplá, que xorde logo de moito tempo de traballo xunto coa necesidade de se centraren naquelas cuestións que de verdade os moven, sen depender de ninguén, para explorar novos espazos, outras propostas e vías de investigación.

A asemblea como palco

Así, baixo a advertencia de se tratar dun "espectáculo non convencional", a obra coloca o público como asistente a unha asemblea. "Están metidos nela desde o principio e participan, claro", explica Vázquez en conversa con Nós Diario.A xente - xeral 1

Neste singular contexto, a obra desenvolve un relato sobre o descontento político, a tensión social, a necesidade de atopar outras vías, a importancia do público e a súa situación, así como a capacidade do grupo para transformar a súa realidade.

"Penso que quen teña participado neste tipo de movementos se vai sentir moi identificado", comenta Vázquez

"Penso que quen teña participado neste tipo de movementos se vai sentir moi identificado", comenta Vázquez. A reunión reflicte a incapacidade para avanzar: "Todos temos moitas ganas de cambiar, pero despois é moi difícil pórse de acordo", di a actriz e directora.

Con esta problemática no foco, ofrécense mais dúbidas que respostas: "Eu o que sei é que as vías que temos non funcionan e hai que atopar outras, pero tal e como está a estrutura política e social é moi difícil sacar certos procesos adiante, e isto impide que todo poida cambiar". O desencanto e a frustración dunha longa listaxe de fracasos concíliase coa esperanza dun "igual esta vez é diferente", un "conflito constante" co que Vázquez se sente identificada.

"Tal e como está a estrutura política e social é moi difícil sacar certos procesos adiante, e isto impide que todo poida cambiar", lamenta a actriz e directora

O confinamento creativo

Antes do confinamento, Duplá e Vázquez xa tiñan os dereitos e unha primeira versión d'A xente que estaban a piques de comezar a ensaiar. Mais cando se decretou o estado de alarma abríuselles outro camiño.A xente - Víctor Duplá

"Víctor e mais eu somos parella e vivimos xuntos", di Vázquez, polo que o encerro lles ofreceu un longo período para poder crear, do que saíu unha nova adaptación case a catro mans: A xente 2.0. "Son unha persoa moi activa, dábame medo estar parada, malia que ás veces é bo", confesa ela.

Xa varias adaptacións

O texto orixinal do que parte a obra de Amorodos Producións asinábano en 2012 Jaume Pérez e Juli Disla, unha entre as múltiples colaboracións que cuñan baixo o selo Pérez&Disla. A peza foi finalista na XVII edición dos premios Max e galardoada como mellor espectáculo innovador do TAC 2014 (Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid).

A adaptación do texto ao galego, nunha versión pensada para acoutarse ás restricións destes tempos de pandemia, incluíndo tamén esta realidade social no relato, está ao cargo de María Vázquez. A actriz, de recoñecida traxectoria na interpretación, xa adaptara a obra Liberto, nomeada aos María Casares na categoría de Mellor Adaptación, e, máis recentemente Cousas extraordinarias, do británico Duncan Macmillan.

Volta ao teatro

Cun elenco máis reducido (só eles e un terceiro ou terceira actriz de incógnito), sacan adiante unha peza sobre as preocupacións contemporáneas. "O teatro está para mostrar todo o que pasa e parecíanos un momento chulo para contalo, de cambios, aínda non sabemos cara a onde, se para mellor ou para peor", reflexiona.

No que atinxe as artes escénicas, Vázquez considera que a pandemia agravou unha situación xa de seu moi precaria, na que a falta de implicación política coa cultura xoga un papel fundamental. Con todo, nas representación de Fariña nas que está agora traballando percibe as ganas do público de apoiar o sector: "Curiosamente o que deberían facer os políticos estao facendo a xente".

Comentarios