O documental 'Xela Arias, poeta nas marxes' verá a luz en abril deste ano

O audiovisual, dirixido por Beatriz Pereira, debulla as súas múltiplas faces
Ilustración de Xela Arias sobre unha fotografía de Xulio Gil. (Foto: Beatriz Pereira)
photo_camera Ilustración de Xela Arias sobre unha fotografía de Xulio Gil. (Foto: Beatriz Pereira)

Comezan a chegar os primeiros entre os múltiplos materiais que verán a luz neste 2021 arredor da figura de Xela Arias, malia a precipitación coa que a súa escolla a finais de decembro, deixando moi pouco tempo para a preparación de materiais.

Neste caso trátase dun documental que xa fora realizado con anterioridade, mais cuxa estrea, prevista por volta de abril, cobra á luz das Letras Galegas unha nova dimensión.

Xela Arias, poeta nas marxes xorde como un traballo de fin de grao, dirixido por Beatriz Pereira, quen tamén produce e coguioniza xuto a Daniel Chapela. Dialan Rob, Anxo Xesteira, Carmen María Pastoriza e María Arias completan o equipo.

O proxecto, de media hora de duración, procura achegarse ás diversas faces de Arias máis alá da autora. "Non só escribía, tiña, por exemplo, unha faceta rockeira, escribiu letras para os Desertores", comenta Pereira.

Na curtametraxe interveñen voces expertas como a de María Xesús Nogueira, Manuel Bragado e Xosé María Álvarez Cáccamo. Hai tamén unha conversa, moderada por Chapela, con persoas que a coñeceron ben: Marga do Val, Susana Trigo e Humberto Heredia (Desertores).

Pereira observa con ollada crítica a baixa porcentaxe de autoras que figuran entre as persoas homenaxeadas pola Real Academia Galega, que desde 1963 só conta con cinco escritoras entre as escollidas, Arias incluída.

Desta desigualdade procedía a intención de reivindicar a poeta con este traballo, consciente de que rematarían por dedicarlle o Día da Letras, algo polo que a directora se mostra "contenta". "Queremos que chegue ao maior número de xente posíbel", asegura, sinalando institutos e colexios como punto fundamental para conseguilo.

Comentarios