Xavier Soto, loita e martirio dun nacionalista galego

Xavier Soto Valenzuela foi fusilado contra as tapias do cemiterio de Lugo. Xornalista, dramaturgo, animador de actividades culturais e deportivas e nacionalista rexo, cumpriu con el e coas súas convicións, modeladas a carón de Manuel Antonio, un 17 de decembro de 1936.

Xavier Soto, de pé, primeiro pola dereita, canda outros compañeiros do orfeón da Agrupación Artística de Vigo.
photo_camera Xavier Soto, de pé, primeiro pola dereita, canda outros compañeiros do orfeón da Agrupación Artística de Vigo.

Era un nacionalista de primeira hora. Ligado a aqueles núcleos minoritarios que impulsaron a primeira estrutura nacionalistas en Vigo, incorpórase formalmente ás Irmandade da Fala a finais de 1918, ocupando co tempo o cargo de primeiro conselleiro e tamén de presidente da mocidade nacionalista, co poeta Manuel Antonio de secretario.

Un nacionalista de primeira hora

Foi precisamente en 1921, cando ambos os dous, na súa condición de máximos dirixentes do colectivo, fixeron público o manifesto Terra Ceibe, onde denunciaban a negativa do goberno de Vigo á que a bandeira galega ondease na cidade o Día da Patria Galega. Porén a loita por colocar a bandeira galega no Concello de Vigo, que rematará cun trunfo en 1923, comezará en xullo de 1920 cun escrito do propio Soto rexeitado polo pleno da corporación e terá continuidade ao ano seguinte cunha resolución no mesmo sentido da terceira asemblea das Irmandades da Fala.

Xavier Soto promoveu canda Manuel Antonio unha campaña a bandeira galega ondease na casa do concello de Vigo o Día da Patria Galega

Aínda así, a implantación das Irmandades en Vigo foi moi escasa, enfrontadas a continuos abandonos e reorganizacións, e a influencia cativa, se exceptuamos o caso da Agrupación Artística de Vigo, un outro cadro de declamación dos impulsados e promovidos polo nacionalismo no período para difundir a cultura galega, e da que noso home será presidente en diversos períodos.

Xornalista e dramaturgo

Fixo de todo porque todo estaba por facer. Na liña daquelas primeiras xeracións nacionalistas, compaxinou as súas actividades profesionais a medio camiño entre Vigo e Viveiro, a onde se desprazará en 1933 para traballar como xerente da conserveira “López Santos”, co compromiso patriótico expresado en esferas do máis diverso.

Formado academicamente na Escola de Comercio de Vigo, a súa actividade laboral desenvolverase no sector da conserva, exercendo como contábel e directivo de diversas empresas, e tamén no ámbito do xornalismo, onde chegaría a ser redactor xefe do xornal vigués La Garra, o que provocaría a súa entrada en prisión en 1923 como consecuencia duns artigos de carácter anticaciquil publicados no mesmo.

As colaboracións xornalísticas de Soto foron permanentes desde 1918 até a súa morte, aparecendo artigos da súa autoría en medios como A Nosa Terra, El Pueblo Gallego ou La Concordia, cabeceira fundada en 1874 por sectores do provincialismo e que deixaría de editarse en 1924 para dar paso ao xornal de Portela. Foi precisamente nas páxinas de La Concordia onde publicaría en 1919 a súa peza de teatro O Lóstrego, obra que se sitúa na liña de teatro das Irmandades da Fala, e que se enmarca na preocupación de Soto por poñer un espazo dramático en Galiza.

A dignidade fronte ao martirio

Foi fusilado en Lugo o 17 de decembro de 1936, canda outros catro compañeiros de Viveiro. Leal aos seus compromisos sociais e políticos, nos anos da monarquía e no período republicano, militou no Grupo Autonomista Galego de Vigo, entidade promovida polos antigos membros das Irmandades en 1930, sendo directivo da mesma e orador en diversos actos de propaganda. Elixido concelleiro en abril de 1931 ao formar parte da candidatura única republicana da que fora excluído o Grupo Autonomista no que seguía militando, en xullo dese ano elabora e presenta a moción pola que se acorda o apoio do Concello do Vigo ao Estatuto de Autonomía.

A súa incorporación ao Partido Galeguista non se producirá até 1933, coincidindo coa súa chegada a Viveiro, localidade na que volverá ser Concelleiro após febreiro de 1936, nesta ocasión coas siglas de Izquierda Republicana, como consecuencia dun arranxo entre este partido e os nacionalistas e sen que significará que Soto abandonase a militancia e a disciplina ao Partido Galeguista.

O 18 de Xullo de 1936 era alcalde en funcións de Viveiro por atoparse o titular, o militante do Partido Galeguista Balbino Cerdeiras participando en Madrid no acto de entrega do Estatuto, sendo detido tras a toma da cidade polos fascistas, procesando e condenado a morte nos meses seguinte por delito de rebelión.

Comentarios