Como dicilo?

Xan e Pedro

raposo
photo_camera Xan, o raposo

Xoán e mais Pedro son dous dos nomes máis populares nas linguas europeas dende a aparición do cristianismo, e proceden do hebreu. Os dous —é ben sabido— denominan dous apóstolos seguidores de Cristo dende a primeira hora, e a masiva transmisión dos seus nomes no mundo —coa adaptación concreta a cada área lingüística— fixo que despois deles outros santos e santas do cristianismo levasen o mesmo nome de bautismo.

 

Mais, ao tempo desta popularidade e devoción, ao se espallaren na Idade Media masivamente entre todas as clases sociais —e moi particularmente entre o campesiñado— fixo que se desvalorizara algo, maiormente no caso de Xoán. Non é preciso procurar moito para atopar esa carga pexorativa como en João-Ninguém, Juan Lanas e Jean-Foutre, ou simplemente unha perda de identidade para tipificar xenericamente a poboación anónima : Juan Pueblo ou John Bull, o noso Xan Paisano ou Xan de Outeiro. En galego ese aspecto negativo que ten ser un Xan (forma familiar, acrecentada en ser un Xan de debaixo da cama) vese compensado ricazmente polo emprego en contextos e cargas positivas (o fértil e luminoso mes de San Xoán, coa súa noite de cacharelas, herbas e sardiñas, ou a xoaniña, ese insecto que collemos amorosamente para deixalo voar).

 

Sexa como for, Xan é Pedro —próximos no calendario— adoitan ir xuntos (tan bo é Xan como Pedro / tan bo é Xan como Pericán ) cando non forman un só personaxe como parece neste recitado infantil :
 

Xan Perillán (ou Perellán, ou Pericán)
a cabalo dun can;
o can era coxo,
tirouno nun pozo;
o pozo era frío,
tirouno nun río;
o río era branco,
tirouno nun campo;
o campo era roxo,
tirouno nun toxo;
o toxo picaba,
Xan berraba
e o can escapaba.

 

E na nosa literatura popular Xan e Pedro son os nomes que ostentan dous compadres case sempre rivais: o raposo e o lobo. Aquí Xan é o agudo pillabán que as mais das veces triunfa sobre do grandón e o fortón (algo parvo) do lobo.

 

Outro Pedro benquerido na tradición popular galega é Pedro Chosco, que personifica o sono e vén adurmiñar os cativiños e cativiñas cando chega o tempo de iren para a cama. É unha especie de avó (O que non sabe dos bicos do avó non sabe o que é bo) que lles vai pechando os olliños. E tamén el lles chosca ou chisca os ollos en sinal de amizade e de complicidade.

 

Chisquémoslle, logo, o ollo a estoutro Pedro nós tamén. Cunha cantiguiña ou arrolo ben fermoso:

 

Pedro Chosco é meu amigo,

e el venme visitar.

Cando Pedro Chosco vén

horas son de me deitar.

 

Durme, meu ruliño, miña ruliña.

Comentarios