O Xacobeo será o soporte do maior teito de gasto da Xunta

O PP saca adiante o límite de gasto non financeiro para 2020 coa oposición dos demais grupos do arco parlamentario.

Valeriano Martínez
photo_camera [Imaxe: Xunta] Valeriano Martínez durante a súa intervención no pleno

Galiza contará o vindeiro ano cun teito de gasto de 10.160 millóns de euros, o maior aprobado ata o de agora pola Xunta, e 311 millóns de euros superior ao do orzamento actualmente en vigor. A proposta do Goberno saíu adiante esta cuarta feira no Parlamento cos votos do PPdeG e coa oposición dos demais grupos, que o cualifican “de ciencia ficción”.

Segundo explicou na súa intervención o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a economía galega ten como factores clave da súa sustentabilidade o Xacobeo e a demanda interna, xa que as exportacións acumulan varios meses de caídas, algo que as persoas expertas atribúen ao fracaso das políticas de internacionalización das empresas postas en marcha polo Executivo galego.

Para o conselleiro, o teito de gasto aprobado é “prudente e rigoroso”. Son o paso previo a uns orzamentos que, como apuntou, faranse “nun momento de incertezas”, cun Goberno español en funcións e cunhas lexislativas á volta da esquina, pero que se aprobarán, segundo garantiu, “en tempo e forma”.

Críticas da oposición 

Pola súa banda, os partidos da oposición mostraron o seu rexeitamento ao límite de gasto non financeiro aprobado pola Xunta. En palabras do socialista Xaquín Fernández Leiceaga, o Goberno debería actuar sobre a recadación, xa que “o discurso que teñen montado non se corresponde para nada coas estatísticas”. Sobre os efectos do Xacobeo na economía, Leiceaga acusa á Xunta de outorgarlle “efectos máxicos sobre o ano 2020” a un acontecemento previsto para o 2021

Manuel Lago (Común da Esquerda) critica un recorte de 2.500 millóns de euros en valores reais no gasto financeiro durante os anos de goberno de Feixoo, dos que 900 corresponden a educación e sanidade. Tamén coincide con Leiceaga en que as cifras da Xunta “están equivocadas” e denuncia que o imposto que grava as rendas dos máis ricos vai reducir a súa recadación en 13%, “xusto o contrario do que precisamos”.

Desde as filas do BNG, a súaportavoz, Ana Pontón lamenta que o Executivo de Feixoo siga “co relato de ciencia ficción e a arcadia feliz”, ao tempo que pon en dúbida o acerto nas medidas que van recoller os orzamentos de 2020.

Para a líder nacionalista, o teito de gasto vai impedir recuperar os recortes no eido social e, ademais, dado o “modesto incremento dos recursos”, vai ter un impacto na desaceleración da economía “maior do que queren recoñecer”. E ao igual que o resto, tamén ten claro que “ningún dos problemas da crise industrial vaino solucionar o Xacobeo.

Comentarios