En memoria

Xabier, o fillo de Raimundo e Teresa

Quen fora o seu editor e amigo, Manuel Bragado, lembra para Sermos Galiza a impronta que deixou o escritor recentemente falecido Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018), voz imprescindíbel da literatura infantil e xuvenil.

foto_XabierPDoCampo-por-EduardoCastroBal-2014-05
photo_camera [Imaxe: Eduardo Castro Bal] Xabier P. Docampo

1O 21 de xuño de 2014, ao fío da homenaxe que AELG tributou a Xabier P. DoCampo, o seu compañeiro Agustín Fernández Paz rescatou estes dous textos autobiográficos do fillo de Raimundo de Granda, o muiñeiro de Castro, e Teresa DoCampo, a costureira que recitaba o Cántico espiritual. Confesións que identifican as raíces dun rapaz nacido nos anos difíciles da posguerra (1946) nunha vila chairega e descubriu a carón da lareira, cando o mundo aínda non estaba inzado de pantallas, a marabilla de escoitar historias de risa ou de medo, de crimes ou de aparecidos dos labios dos seus pais ou doutros veciños que frecuentaba a cociña da súa casa. Lembro que naquela fermosa chufada en Castro de Ribeiras de Lea Agustín identificou nas mañas do señor Raimundo e da señora Teresa, tan semellantes ás que Álvaro Cunqueiro puxo en boca do señor Elimas, a primeira fonte literaria do seu amigo Paco DoCampo: a do pracer de contar historias e o pracer escoitalas. Raimundo e Teresa deitaron en Xabier a experiencia literaria primeira, a de contar e a de ler, a fascinación polo valor e o eco da palabra.

E abofé que DoCampo bebeu con moito proveito desa fonte primixenia, converténdose nun dos mellores contadores de historias que coñecemos, fosen reais ou imaxinadas, fosen orais ou escritas, xa que para el, como tantas veces expresou, contar era «o acto de amor máis sublime» que coñecía. Desa pulsión naceron algunhas das súas historias máis memorables como as recollidas en títulos como Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), libro polo que obtería o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou Un conto de tres noites (Xerais 2001) ou A decisión de Valerio (Xerais 2005). E contou sempre DoCampo dende a patria da lingua, o idioma no que asistiu a creación do mundo e no que descubriu o nome das cousas, ese galego da Chaira miniado despois en lingua literaria no seu medio cento de libros. Lingua que levou sempre nos beizos orgulloso, como na lapela prendida a insignia de ProLingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor concibida en 2009 por el como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Unha lingua que para DoCampo nin sequera é patrimonio dos que a usan, xa que é un ben da humanidade enteira: «Patrimonio para preservar, coidar e estender no seu uso, e para entregar con xenerosidade e orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de transcender».

[Podes ler a peza íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios