En tan só unha semana arderon no país un total de 8.800 hectáreas de sumarmos as cifras difundidas pola Xunta de Galiza día a día. Esas 8.800 hectáreas arderon após se declararen case 200 incendios forestais.
Polo de agora, mantense activado o nivel 2 de emerxencia en Porto do Son, mentres que en Arbo varios núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados. Precisamente, nesta localidade, en tan só 24 horas arderon 1.500 hectáreas, que se suman ás 800 de Santiago e ás 880 de Porto do Son.
Segundo as últimas informacións da Consellaría de Medio Rural, das 14.30h, permanece activo o lume de Porto do Son; estabilizados, os de Laza e Avión e controlados os de Arbo, Crecente, Santiago, Cotovade, Cerdedo, Catoira, Narón, os dous de Soutomaior e o de Caldas.