Wellens gaña 'ao sprint' na segunda etapa da Volta en territorio galego

A competición di adeus á Galiza na tirada de hoxe
O ciclista belga Tim Wellens. (Foto: ASO).
photo_camera O ciclista belga Tim Wellens. (Foto: ASO).

"A falta de pan, boas son as bicas", como di o vello proverbio, así que en ausencia de ciclistas do país na Volta Ciclista a España, como na época do finado Xacobeo Galiza de Ezequiel Mosquera e compañía, a afección ten que conformarse con ver como a última gran rolda transcorre por territorio galego.

Así, tan só un día despois de acoller a etapa raíña, na que Primoz Roglic se vestiu co maillot vermello de líder logo de voar sobre as durísimas ramplas do miradoiro do Ézaro, o pelotón tivo que afrontar unha etapa desas que as publicacións especializadas definen como "rompepernas", e que comunicou Lugo con Ourense nun percorrido de 207 quilómetros no que se subiron o Alto de Escairón, o de Guitara e o da Abelaira, todos eles portos de terceira categoría.

O gañador foi Tim Wellens, o belga do Lotto Soudal, adxudicándose así a súa segunda vitoria parcial após lanzar un sprint nos últimos 200 metros no que superou Michael Woods, segundo, e Zddenek Stybar, terceiro.

Desde o primeiro momento moitísimos corredores, como Rémi Cavagna ou Gorka Izagirre intentaron escaparse do pelotón, mais non sería até os 43 quilómetros de percorrido cando sete ciclistas -os anteriormente mencionados Wellens, Woods e Stybar xunto con Dylan Van Baarle, Marc Soler, Thymen Arensman e Pierre Luc Perichon- collerían unha ventaxe que acabaría por ser decisiva.

A pesar de que o pelotón fixo esforzos por capturar os fugados, chegando a reducir a súa vantaxe a menos de dous minutos, acabou por renderse e a partir dese momento os integrantes do grupo de cabeza comezaron os ataques co obxectivo de facerse coa vitoria de etapa. Con todo, chegaron unidos á pancarta do último quilómetro, sendo Tim Wellens o máis listo nese sprint final. 

Comentarios