Unha web para don Ricardo

Desde a Biblioteca Virtual Galega (BVG), ao carón do Grupo de investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e do Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña, levouse a cabo unha páxina web que permite achegármonos á traxectoria vital e á obra de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020
Carvalho e Piñeiro
photo_camera Ricardo Carvalho Calero acompañado por Ramón Piñeiro durante unha presentación.

P  ara homenaxear a figura de don Ricardo Carvalho Calero e difundir a súa obra neste ano 2020 en que, finalmente, lle foi dedicado o Día das Letras Galegas, desde a Biblioteca Virtual Galega (BVG), vinculada ao Grupo de investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña, decidimos elaborar unha páxina que, concibida como un monográfico, permitise un achegamento non só á traxectoria vital e á obra do autor senón que servise tamén para pór de relevo o impacto, a influencia e, por que non dicilo, a grande admiración que a súa obra ten provocado entre unha enorme parte do público lector galego.

Foi con esta vontade coa que se desenvolveu esta iniciativa que, baixo a miña coordinación, foi desenvolvida por Uxía García Conde, estudante do grao en Galego e Portugués da Universidade da Coruña, co apoio técnico do LBD e mais co sostén económico da Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade da nosa universidade. Contamos, tamén, coa colaboración desinteresada e o asesoramento de persoas como Xoán Costa, Mª Pilar García Negro ou Pilar Pallarés, boas coñecedoras da obra de Carvalho Calero, que nos axudaron na selección de textos ou na procura de datos, así como da de moitas outras que nos fixeron chegar observacións ou referencias que descoñecíamos. É de xustiza deixar constancia do noso agradecemento a todas elas, así como ao Parlamento de Galicia que nos cedeu o fondo fotográfico do autor que alí se conserva.

Concibida cun afán divulgativo e para ser utilizada sobre todo por un público amplo, esta páxina (https://carvalhocalero. lbd.org.es/) non pretende ser un repertorio exhaustivo senón mais ben unha guía que permita a lectoras e lectores interesados chegaren a obter información relevante relativa tanto á propia produción do autor, como aos estudos académicos ou ás producións artísticas contemporáneas elaboradas a partir da súa obra. Noutras palabras, unha porta de acceso ás múltiples fontes de coñecemento existentes sobre o universo carvalhocaleriano. É por iso que a páxina está chea de hipervínculos a outras fontes de información (outras páxinas monográficas, webs doutras entidades, editoras, repositorios institucionais -como, por exemplo, o RUC da UDC-) que fornecen datos complementares ou que, mesmo, permiten o acceso ao contido completo de artigos, cartas ou materiais audiovisuais. Así, sen perder o seu inicial carácter divulgativo, ábrese a outras posibilidades de aproveitamento, ben de carácter académico (como a procura de información bibliográfica), ben didáctico (como repositorio de recursos).

De feito, unha páxina que na súa orixe fora deseñada cuns contidos basicamente bio-bibliográficos e pensada para ser utilizada por un público escolar foi medrando e evoluíndo cara a outro tipo de esquema, ao constarmos a amplitude e diversidade da produción, tanto crítica como creadora, vinculada ao seu protagonista. Isto obrigounos a ir modificando a súa estrutura e organización para poder, por un lado, presentar de modo rigoroso o variado conxunto dos estudos sobre a súa obra e, por outro, dar visibilidade á diversidade da produción non vinculada ao formato libro, isto é, imaxes, deseños, vídeos, documentais ou versións musicais.

A páxina, á que tamén se pode acceder a través da BVG (http:// bvg.udc.es/), disponibiliza información sobre a Biografía e a Obra do insigne profesor nas seccións do mesmo título. No caso de Obra é importante indicar que esta aparece organizada por xéneros mais que nela se incorpora unha subsección denominada “Varia” onde, para alén das referencias ás antoloxías e recompilacións, se inclúe unha relación das entrevistas e epistolarios até agora publicados. A seguir, na sección de Textos preséntase unha ampla escolma que permite unha primeira achega á súa extensa produción literaria en todos os xéneros: ensaio, poesía, narrativa, teatro e, tamén, oratoria.

A sección de Bibliografía fornece unha completa información sobre os traballos dedicados á análise da obra de Carvalho Calero, agrupados segundo a súa tipoloxía: actas, volumes colectivos, monografías, artigos e capítulos de libro e mais estudos introdutorios. Pola súa vez, en Memoria recóllense moitas das iniciativas e homenaxes que, ao longo dos anos, e desde múltiplos ámbitos da sociedade, lle foron dedicadas (desde libros a actas de congresos, pasando por exposicións ou outro tipo de recoñecementos, como premios co seu nome ou espazos académicos ou culturais a el dedicados).

A Fototeca lévanos a un percorrido visual pola biografía e as actividades do autor homenaxeado antes de entrar na sección de Mediateca onde atopamos contidos máis diversos. En primeiro lugar, algúns vídeos permítennos escoitar e ver algunhas das súas intervencións en palestras, entrevistas ou debates. A seguir, inclúese unha relación de diversos formatos audiovisuais de carácter documental (coas ligazóns correspondentes para os poder ver). En segundo lugar, ofrécense algunhas mostras das versións musicadas dos poemas de Carvalho e, tamén, algúns exemplos de representacións gráficas (caricaturas, deseños, viñetas…). Por último, en Páxinas de referencia preséntase unha listaxe de páxinas monográficas dedicadas ao autor, listaxe que non pretende ser exhaustiva pois, como todo o contido do noso propio Especial Ricardo Carvalho Calero, está en permanente actualización.

Para finalizar, paréceme importante lembrar que a Biblioteca Virtual Galega (BVG) da Universidade da Coruña, inaugurada o 11 de febreiro de 2002, foi unha iniciativa pioneira desenvolvida por un grupo de traballo interdisciplinar de especialistas en Filoloxía Galego-Portuguesa, dirixido por Laura Tato Fontaíña (Grupo ILLA, http://illa. udc.gal/), e de Informática, coordinado por Nieves R. Brisaboa  (Laboratorio de Bases de Datos, http://lbd.udc.es/). A partir de 2007 foi Mª Pilar García Negro quen pasou a dirixir o equipo filolóxico, nunha etapa caracterizada polo case nulo financiamento institucional. Sostida a BVG durante moito tempo practicamente só grazas aos fundos propios do Laboratorio de Bases de Datos e ao traballo voluntario das persoas colaboradoras, o proxecto precisa agora mesmo unha necesaria actualización e posta ao día.

[Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña]

DepCor_horiz

Comentarios