Washington recrúa o golpe ao conxelar os fondos da petroleira estatal venezuelana

A economía venezuelana é basicamente a produción e a exportación de petróleo. Washington cobiza o control dos inmensos recursos do país caribeño e acaba de dar un novo paso na dirección de cortar o oxíxeno que aínda mantén con vida o movimento bolivariano. A Administración Trump decidiu esta segunda feira conxelar os fondos que a petroleira estatal venezuelana PDVSA ten no país estadunidense. Son por volta de 6.100 millóns de euros.

citgo
photo_camera Unha gasolineira de Citgo, a filial norteamericana de PDVSA, en Chicago.

Washington non só asesora e financia o conglomerado opositor venezuelano —liderado agora polo autoproclamado presidente, o titular da Asemblea Nacional Juan Guaidó—, senón que tamén dispón de mecanismos para afogar aínda máis a economía venezuelana, submetida xa nos últimos anos a unha asfixiante presión en forma de sancións que lastran gravemente a súa actividade comercial.

Foi o secretario do Tesouro da Administración Trump, Steven Mnuchin, quen anunciou esta segunda feira a decisión dos EUA de bloquear o acceso de Caracas aos fondos da petroleira estatal venezuelana depositados nos EUA. É unha confiscación pura e dura perpetrada contra os intereses dun goberno, o de Nicolás Maduro, cuxa lexitimidade Washington non recoñece.

Esta nova rolda de sancións contra Caracas foi duramente contestada por Maduro, quen as xulgou como "ilegais, unilaterais, inmorais e criminais". O líder bolivarino declarou nunha comparecencia televisiva: "[Os EUA] pretenden roubarnos a empresa Citgo [filial da petroleira nos EUA]. Xa dei instrucións ao presidente de PDVSA para dar inicio ás accións legais".

Os EUA deixaron entrever que os fondos bloqueados poderían acabar financiando as actividades dunha oposición venezuelana que tenciona levantar unha administración paralela á de Maduro mentres continúa conspirando —nomeadamente nos acuartelamentos militares— para completar o golpe e derrocar o presidente bolivariano elixido nas eleccións de maio de 2018.

Comentarios