O 'Washington Post' vincula Guaidó co último intento de golpe en Venezuela

O rotativo estadounidense publica un documento que vincula a oposición coa Operación Gedeón para derrocar a Nicolás Maduro.

Imaxe de arsenal incautado venezuela
photo_camera Imaxe de parte do arsenal incautado.

Membros da oposición venezolana negociaron en outubro un acordo de 213 millóns de dólares con Silvercort, compañía de seguridade con base en Florida, para invadir o país e derrocar o presidente Nicolás Maduro, segundo un documento publicado polo Washington Post.

As autoridades venezolanas arrestaron esta semana unha ducia de persoas, incluídos dous cidadáns dos Estados Unidos que traballan para Silvercorp, que formaban parte dun grupo armado que levou a cabo unha incursión en territorio de Venezuela. 

Os dous cidadáns estadounidenses capturados apareceron esta semana na televisión estatal de Venezuela afirmando que Silvercorp lles encargara a misión de se faceren co control do aeroporto de Caracas co fin de sacar do país en avión a Maduro. O presidente, non obstante, sinalou que ambos os dous serán xulgados por tribunais civís. 

O documento publicado polo prestixioso rotativo estadounidense supón un grave revés para a credibilidade do líder da oposición, Juan Guaidó, que durante toda a semana negou calquera vínculo con Silvercorp e calquera vinculación co operativo militar para derrocar pola forza do poder a Maduro.

O documento describe en 42 páxinas o plan da chamada Operación Gedeón, detallando polo miúdo cuestións tácticas que van desde que minas terrestres colocar até que equipamento vestir. Porén, non explica con exactitude cal sería a táctica a seguir para conseguiren facerse co control do país. 

Nun vídeo emitido pola televisión venezolana, Airan Berry, un dos estadounidenses capturados, dixo que o obxectivo eran controlar corpos específicos como o Servizo Bolivariano de Intelixencia Nacional (SEBIN) e a Dirección Xeral de Contraintelixencia Militar (DGCIM), alén de "capturar" a Maduro.

"Propaganda", din os EUA

Cuestionado polo documento e pola confesión de Berry, un portavoz do Departamento de Estado dos EUA dixo: "Hai unha gran campaña de desinformación en marcha por parte do réxime de Maduro, complicando separar os feitos da propaganda".

Os partidos da oposición Primeiro Xustiza e Vontade Popular sinalaron nun comunicado que "as forzas democráticas non promoven nin financian guerrillas, brotes de violencia ou grupos paramilitares.

Comentarios