Alba María: "Con “Aínda” ofrezo músicas populares que son espello do meu país"

A voz de Alba María é unha das grandes sorpresas do novo panorama musical. Gañadora do I Certame de Canción de Autora do Concello de Teo presenta o vindeiro domingo o seu primeiro disco Aínda, unha aposta de aCentral Folque. 

Alba María
photo_camera Alba María

Aínda, o primeiro disco de Alba María estase a sentir con forza nas novas propostas da nosa música. Con só 19 anos, a súa autora -creadora de música e letras- gañou o I Certame de Canción de Autora do Concello de Teo, no que presentará o seu primeiro traballo o vindeiro domingo. 

“Para min é unha sorte, un privilexio, poder crear e que a creación chegue á xente porque o feito de poder sacar á luz o que fas é xa motivo de alegría”, comenta Alba María poucos días antes da presentación oficial do seu Aínda. 

Para esta súa primeira aparición con traballo propio, Alba María chega arroupada por aCentral Folque, en especial por Ramom Pinheiro e pola cantante Ugia que alentou o seu traballo desde o inicio. “Arroupáronme e déronme ferramentas para poder seguir creando. Desde o momento cero incitáronme á creación e déronme a seguridade que precisaba. Agradezo tanto o que me aprenderon como o que me aprenderán”, comenta, a respecto dunha relación que mantén desde a súa chegada a Compostela para se formar como cantante. 

Con estilo propio, bebedora das músicas populares do mundo enteiro que trae a súa voz, a Alba María non lle custa recoñecer o maxisterio de Marful e a voz de Ugia. “Foron unha revolución. O que fixeron non o fixo ninguén, traer as músicas que se bailaban nos salóns nos anos cincuenta ou sesenta. Foron e son unha grande escola e unha importante influencia” afirma Alba María, estudante de Filoloxía Galega que conta poder conxugar na súa traxectoria as súas dúas paixóns, a música e a poesía. 

Gobernarse a si mesma
 
“Non respondo á típica imaxe de cantante que obedece e executa. Tento crear e facelo ao meu modo, en consonancia cos músicos que me acompañan. Tento gobernarme a min mesma tamén na música e  diso Aínda fala moito, varios dos temas falan desa necesidade de ser donas de nós mesmas”, comenta contundente Alba María que está a recibir xa moitos parabéns polo seu primeiro disco, o que ela define como a peza que comporá no futuro o seu puzzle musical. 

As oito cancións de Aínda son agora a súa carta de presentación. Adiantan tamén unha carreira á que a autora se enfronta con entusiasmo, sabedora das dificultades mais tamén encantada coas posibilidades que lle dá. “Sei que o momento é cru e é difícil vivir da música mais eu acepto as cousas boas e malas. Polas boas vou loitar porque quero dedicarme á música aínda que sei que hai músicos máis consagrados que o están a pasar mal. Cando alguén di que quere é cantor ou cantora é fácil que alguén retruque dicindo “vale mais, que máis fas?” e iso significa que non damos valor ao que nós mesmos facemos”, comenta, defensora como ela é da posibilidade de vivir da canción. 

Músicas populares do mundo enteiro

 “Gústame mesturar músicas populares de moitos lugares coa miña voz, co que aprendo de aquí. A  miña técnica vén do tradicional, aí foi onde me formei como cantora e esas músicas populares son como espellos do meu país, nelas nos reflectimos”, define, desas oito cancións polas que se senten variedade de ritmos canda unhas letras nas que busca suxerir a través de imaxes de grande potencia, con especial presenza daqueles temas nos que se fai eco de reivindicacións das mulleres. “Algúns temas son máis claros e outros máis escuros, para librarnos tamén do cadrado que temos na cabeza”,  afirma Alba María que quere co seu Aínda, como o nome indica, “recobrar as esperanzas do pasado,  con esa ilusión que tanto precisamos”.  

Músicos como Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez ou Felipe Villa colaboran neste seu primeiro disco que conta cos arranxos de José Manuel Díaz e Alejandro Vargas. Para os directos, Aínda presentarase cun cuarteto formado por  Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (percusións). 

Comentarios