Vox reitera o seu apoio a Feixoo e vese "cun pé dentro" do Parlamento

O grupo de ultradereita foi recibido en Compostela con berros de "Fascistas fóra!".
O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña, Ricardo Morado, este domingo no Monte do Gozo (Álvaro Ballesteros/EP).
photo_camera O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña, Ricardo Morado, este domingo no Monte do Gozo (Álvaro Ballesteros/EP).

O presidente de Vox, Santiago Abascal, afirmou este domingo que a súa formación "ten un pé dentro" do Parlamento da Galiza e reiterou a súa disposición "ao diálogo" co Partido Popular de Alberto Núñez Feixoo, "dependendo do respaldo" que obteñan nas urnas.

Abascal participou este domingo nun acto preelectoral en Compostela, no que realizou o último tramo do Camiño (desde o Monte do Gozo até o Obradoiro). Numerosas pintadas críticas recibiron ao grupo de ultradereita na capital galega e, no acceso ao casco antigo, varios cidadáns gritaron aos integrantes de Vox: "Fascistas fóra!".

En declaracións aos medios ao finalizar o percorrido, Abascal asegurou que, se obteñen representación, serán "razoábeis e realistas" nunhas posíbeis negociacións co PP.

"Non imos tratar de impor o noso programa político completo se só temos un escano, pero faremos valer a nosa forza", dixo e criticou que o actual presidente da Xunta "pensa" que Vox ten "a obriga de regalarlle os escanos". Abascal xa se mostrou disposto a pactar co PP na Galiza, porén, Feixoo replicou en febreiro que non negociaría con este partido.

"Agora están moi seguros de que non imos entrar, pero eu creo que nos teñen moito medo e que saben que xa temos un pé dentro", reiterou Abascal, que onte estivo en Vigo.

Así, asegurou ante os seus seguidores que non se axeonllará "ante ninguén", após cargar contra "as novas relixións" que fan "acusacións de pecado". "A relixión do xénero, do supremacismo feminista, a relixión climática, a do multiculturalismo e a dun falso antirracismo, que non son máis que os disfraces do marxismo cultural, impulsado pola extrema esquerda e os oligarcas", enumerou.

Comentarios