Vox pide a detención de Torra por apelar á vía eslovena

Acción. Reacción. O apelo de Quim Torra á vía eslovena levou esta segunda feira Vox a demandar a súa detención e ingreso en prisión. O número dous do PSOE e ministro de Fomento, José Luis Ábalos, chamou "irresponsábel" e "iluminado" o president da Generalitat. Sectores do PSOE presionan Pedro Sánchez para rachar as pontes do diálogo coa Generalitat, en vésperas do consello de ministros que vai ter lugar en Barcelona o próximo 21D.

vox en madrid
photo_camera Acto de Vox en Vistalegre.

Vox, a forza que emerxeu nas eleccións andaluzas e á que o último CIS concede 2,5 por cento do voto no conxunto do estado, reaxiu rápido ás declaracións de Quim Torra sobre a vía eslovena. Esta mesma segunda feira, vai apresentar perante o Tribunal Supremo unha querela contra o president por un delito de conspiración para a rebelión.

Como medida cautelar, a formación ultradereitista vai demandar a detención e posta a disposición xudicial de Torra.

"Non se pode permitir que estea en liberdade alguén que ameaza cun levantamento armado e que está ao mando da policía", escribiu na súa conta twitter o líder do partido extremista, Santiago Abascal.

Vox xa viña exercendo a acusación privada na causa que instruíu o xuíz Pablo Llarena contra os líderes soberanistas cataláns, aos que o maxistrado imputa os delitos de rebelión. sedición e malversación de fondos. 

Eslovenia conseguiu a independencia após organizar un referendo en decembro de 1990, non recoñecido por Belgrado, cun 93 por cento de participación e un 95 por cento de votos favorábeis á constitución dun estado independente. As súas propostas de realizar unha consulta posterior acordada coas autoridades iugoslavas foron infructuosas. Seis meses despois, Eslovenia proclamaba a súa independencia, que Berlín non demorou en saudar. A resposta de Belgrado foi o envío de tanques. A guerra foi moi breve, apenas 10 días, e saldouse con por volta de 60 mortos e 300 feridos.

Comentarios