Vox márcase como obxectivo para o 5-A ser decisivo para formar Goberno na Galiza

A formación ultra non escolleu aínda candidato á Xunta.

bascal espinosa Vox (Europa Press)
photo_camera Espinosa de los Monteros e Abascal nun mitin (Europa Press)

Vox quer marcar a política galega. Sabe que o seu apoio electoral na Galiza é escaso mais tamén sabe que ese feixe de votos pode ter concreción nun  deputado -cando menos iso é o que indican barómetros como o do Galaicopanel – e que ese representante no Parlamento pode condicionar a formación de Goberno a un PPdeG que perdería a maioría absoluta.

Por iso Vox marcou como obxectivos para as eleccións galegas ser “determinante” para a formación do goberno na Galiza. Así o revelou esta sexta feira o portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros.

Ao seu xuízo, os votantes de Vox "saben moi ben" que o partido é "moi diferente" de PP e Ciudadanos e polo tanto obterá un gran apoio nas próximas eleccións, augura. "Saben que estamos moi lonxe do consenso progre no que participan PP e Ciudadanos", subliñou.

Vox aínda non ten designado candidato para as eleccións galegas. E un dos seus principais líderes a nivel estatal, Ortega Smith, xa anunciou hai semanas que en caso do PPdeG necesitar Vox para frear un goberno de esquerdas e nacionalistas os seus votos irían para Feixoo.

O partido de ultradereita avoga pola supresión da autonomía, unha recentralización competencial en beneficio de Madrid e por achicar espazos á normalización cultural e lingüística do galego.

Comentarios