Vox dá o si a PP e Ciudadanos para que gobernen en Andalucía

Os 12 escanos da extrema dereita sumaranse a populares e ‘laranxas’ após acadar Vox e PP un acordo en torno a 32 puntos onde se compromete desde o apoio á tauromaquia e creación dunha Consellaría de Familia até vías para favorecer o ensino concertado e a presenza da relixión no mesmo. O primeiro punto deste pacto, “protexer a unidade de España”

Pp e vox

Andalucía vai ter un presidente conservador por primeira vez nas súas máis de tres décadas de autonomía e iso vai ser posíbel grazas ao apoio que a extrema dereita (Vox) dá para que gobernen PP e Ciudadanos. Estas dúas forzas, PP e Ciudadanos, selaban a primeira hora da tarde o pacto para gobernar Andalucía. Un acordo, porén, que precisaba do apoio dos 12 escanos de Vox para poder saír adiante. E ese apoio chegou pouco despois: PP e o partido de Santiago Abascal pactaban un documento de 37 puntos para que Vox dese o si á investidura que permitirá a Juanma Moreno (PP) ser presidente e a Juan Antonio Marín (Cs) ser vicepresidente.

Nese pacto non figuran exixencias da extrema dereita como derrogar a lei de violencia machista ou a LFTBI mais si que hai concesións ao sector máis conservador da sociedade española: crear unha consellaría de Familia, defensa da tauromaquia e do ensino concertado e relixioso, “protexer a unidade de España” ou “prever a ameaza do fundamentalismo islámico”, entre outras.

Cambiar a Lei de Memoria Histórica por unha de 'Concordia' é outra das cuestións pactadas. No documento tamén se recollen compromisos como "garantir unha inmigración ordenada, legal, respetuosa coa nosa cultura occidental, vinculada sempre ao mercado laboral".

Ortega Smith, secretario xeral de Vox, afirmou após a sinatura deste pacto co PP que "hoxe podemos dicir que por fin remata o cortijo da esquerda en Andalucía". 

Comentarios