Opinión

Voto centrípeto

Hoxe vou falar de forzas centrípetas e centrífugas. As primeiras serían as que atraen para a sociedade investimentos e recursos humanos, ou sexa, fluxos de capital e fluxos de poboación, actuando a xeito de forzas aglutinadoras. Na banda contraria situaríanse as forzas centrífugas, aquelas que expulsan investimentos, poboación e recursos, que destrúen tecido industrial e fomentan a emigración daqueles que teñen que construír a súa vida no exilio e que non atopan as condicións necesarias para ‘devolver’ os investimentos que neles se fixeron (na educación, na sanidade, na cultura). Fomentan estas forzas, un déficit de recursos humanos e financeiros, unha drenaxe permanente do país, que envellece, que xa case non sente o bater do corazón nos seus pulsos.

Quero crer (teño fe niso) que estas forzas centrífugas, que actúan dende o Goberno galego, o fan máis por desleixo e incompetencia que por vontade maléfica. Custaríame crer que un Goberno intentase asasinar un país para entregalo por un prato de lentellas (a posibilidade remota de que o seu contábel maior chegase a Presidente do Goberno do Estado).

A nosa sociedade está gobernada por unha serie de contábeis ruíns e trapalleiros, que teñen como único obxectivo o ‘cadrar as contas’ e aparentar ser os primeiros da clase a base de non gastar. Temos así un presidente que se pode definir por exclusión ou por omisión, mais non polos seus feitos positivos. Unha variante, non literaria senón real, dun “home sen atributos”.

Aquí funciona o poder monoteísta, a ‘ditabranda’ (non hai tortura, que se saiba), de aparencia democrática, esa forza disgregadora, centrífuga, cun ollo posto no centro do estado e outro ocupado en vixiar ás forzas que se opoñen a esa deriva, forzando os cidadáns rebeldes a un exilio por exclusión.

Se queremos futuro para o noso país, deberiamos votar non polas forzas que dispersan a poboación expulsándoa do país, senón por aquelas centrípetas, cos dous ollos postos no país.

Comentarios