“Unha vez en Corme, hai tres anos, unha señora, unha avoa, viume montar a tenda desde a súa xanela. Era moi cedo. Cando terminei, baixou ela co almorzo e díxome que traería a comida e a cea. Así foi durante os tres días da festa. Non me dixo o seu nome”.
Chámase Aurita. A protagonista de Tres comidas en Corme, unha das historias de Ser Modou Modou, o libro de Cheikh Fayé que comezou sendo un blogue, vive nunha casa da Praza da Ribeira e desde a súa fiestra vense o porto e o mar. Leva alí toda a vida. Casou, tivo fillos, xa ten bisnetos, enviuvou e segue pendente do negocio familiar. Un luns do mes de xullo Cheikh foi na procura daquela avoa para agradecerlle a hospitalidade e agasallala co libro. Aurita convidouno a un café e a un refresco.
Tres comidas en Corme segue sendo unha das entradas máis lidas de Senegaliza. Cheikh Fayé (Gade Escale, 1962) vén de ver editado o seu libro pola AS-PG dous anos e pico despois de abrir a bitácora na rede. Neste tempo non parou de viaxar polas feiras e festas da costa, de Muros a Ortigueira, e tampouco de escribir. Non volvera a Corme.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 256 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]