Volver ler a Ricardo Carvalho Calero

Doutor en Teoloxía Dogmática na Universidad Pontificia de Salamanca e de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, Victorino Pérez Prieto debulla El grupo Nós. Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez (tradución, introdución e notas de Mª Pilar García Negro), obra que considera “un magnífico pórtico de entrada no centenario da revista Nós (1920-2020)”.

Carvalho Calero

A “xeración Nós” ou “grupo Nós” foi, posiblemente, o colectivo máis xenial e frutífero da historia da cultura galega; con tres xigantes: Castelao, Otero Pedrayo e Risco. O capítulo que lle dedicou Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, é un fito fundamental para comprender esta xeración.

O compromiso do grupo Nós coa cultura e o pobo de Galiza sentaron as bases do galeguismo e do nacionalismo galego. “Por eles tamén nós somos nós”, escribiu Carlos Baliñas e Chao Rego: “Hoxe constitúen non só obrigado, senón devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xeneroso”. Desde que souben deles na miña mocidade, Castelao, Otero e Risco foron persoeiros moi queridos para min; forman xa para sempre parte moi importante da miña historia de compromiso co galego e con Galiza.

Non nado aquí, senón chegado de fóra, sen eles, posiblemente, o meu vencello a esta Terra non sería tal. Por iso, dediqueilles o meu primeiro libro A xeracións “Nós”. Galeguismo e relixión que vén de facer xa os seus 30 anos, e foi o primeiro libro que se publicou sobre o senlleiro grupo, polo que escribe Xosé Chao no limiar: “unha introdución como aínda non existe para entendermos á xeración Nós”. Dediqueilles tamén unha parte importante do meu seguinte volume Galegos e cristiáns (1995), e bastantes artigos máis aparecidos en publicacións como Encrucillada, Grial, Irimia, etc.

O longo capítulo de Carvalho Calero sobre o grupo “Nós” na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (Galaxia 1963, 2ª edición ampliada en 1975, 3ª e última en 1981) é fundamental para comprendelo. Desgraciadamente, a obra non se volveu editar ao longo dos case corenta anos que pasaron desde entón. Falla de interese do público lector e comprador ou falla de interese da editorial na que viu a luz, por ser o seu autor un “herexe” do galego, a causa do seu reintegracionismo? Eu vía hai un tempo un magnífico deseño dun monumento a Carvalho Calero coa lenda: “As Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, en desagravio”. Até cando este agravio a un dos meirandes das nosas letras? 2020 podería ser unha data magnífica.

O baleiro de catro décadas na reedición desta obra senlleira véno encher, polo que respecta á xeración Nós, un libro que acaba de ver a luz; a tradución española, con introdución e notas de Mª Pilar García Negro: El grupo Nós. Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez (La balsa de la medusa, Madrid 2018).

Este volume aparece nun momento importante, como pórtico do centenario da aparición da revista Nós (2020), que lle dá nome á xeración: o grupo ourensán formado sobre todo por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, xunto con Castelao. Este volume aparece, ademais, nun momento conflitivo para a mesma cultura e lingua galega, en claro descenso polo desleixo político.

[Podes ler a peza íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios