Volve o WOMEX a Compostela en 2016

Logo do éxito colleitado en 2014, Compostela volveu imporse sobre máis dunha ducia de cidades europeas candidatas e a cidade volverá encherse de músicas do mundo en 2016. 

womex
photo_camera Presentación de Womex

Santiago é a cidade máis pequena que acolleu nunca o Womex, que ten por costume escoller como sede “unha cidade con metro”. Pero a capital galega conseguiu convencelos para organizar 2014 e logo do éxito, esta feira de 'world music' con organizadores alemáns repite “porque a experiencia foi inmellorable e supuxo un aval que venceu ás outras cidades que competían”, segundo declarou Antón Martínez, socio de Nordesía, a empresa galega coorganizadora do evento. 

A pasada edición en Galiza acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia dun 6,66%: 2.400 delegados (+6,66%) e 1.470 empresas (+16,66%) encheron Compostela durante os cinco días que durou a feira.  A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes. 

Moitos destes artistas galegos comezaron unha xira internacional despois do evento, como Davide Salvado, o zanfonista Germán Díaz ou o grupo de jazz Sumrrá, que participou en Focus Galicia, unha programación previa -organizada pola Xunta- só de artistas galegos na que se convidou a programadores internacionais. 

A organización destacou que o 90% da produción foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos), cifrando o impacto positivo no PIB do territorio en 2,5 millóns de euros.

Womex é un encontro profesional para o sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional, uns 60 showcases (concertos, a maioría abertos ao público) que atrae a milleiros de delegados e empresas da industria musical de máis de 90 países. Ademais, tamén acolle un DJ Womex Summit, un ciclo de cinema, conferencias e mentoring a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, etc. 

Womex leva celebradas 21 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest). Cada ano ten lugar nunha cidade europea distinta. 

Comentarios