Opinión

Volve a división en bloques?

A expulsión de persoal diplomático de Rusia en 25 países, coa cínica escusa do “caso Skripal”, e o inicio dunha guerra comercial con China, por parte do “bloque imperialista hexemónico”, implica un salto cualitativo na confrontación coas potencias que buscan rematar co mundo unipolar. O enfrontamento non pode ser maior porque unha guerra nuclear provocaría un suicidio da humanidade. Chama a atención que os medios de comunicación, e sobre todo os partidos de esquerda, non lle dean maior importancia a estes sucesos, máxime cando dun xeito ou doutro condicionan a actividade económica e política a medio e longo prazo. 

A situación precipitouse coa elección de Trump nos Estados Unidos. Porén, para alén das agresivas actitudes persoais, estas decisións contan cun maior arroupe, como mínimo, da fracción hexemónica das clases dominantes. Como di Claudio Katz, buscan reforzar Wall Street. Son propostas que están relacionadas coa evolución da guerra en Siria e Iemen, coas contradicións con Turquía (até onde serán reais?), e polo tanto, polo fortalecemento militar de Rusia. Mais, o cerne da cuestión atópase no paso acelerado de China a unha economía desenvolvida, co que isto implica no eido militar, na innovación e no aspecto financeiro. Esta estratexia agresiva hai que ligala tamén á incapacidade de Washington e aliados para reverter a perda de peso no ámbito internacional, e a que non estean dispostos a aceptar un mundo que rexeita os privilexios dos que gozan en detrimento doutros países. Por se non abondase, o capitalismo (imperialista) está na súa etapa senil, vai de crise en crise, afonda a desigualdade, é sinónimo de falta de futuro para a maioría da humanidade, de destrución da natureza, de cobiza.

O cerne da cuestión atópase no paso acelerado de China a unha economía desenvolvida

 

Aínda así, non se pode obviar que os Estados Unidos seguen tendo a maior maquinaria militar do mundo, pública e privada, e que controlan o sistema financeiro, as comunicacións, a cultura de masas, e as redes sociais. O dólar segue sendo a moeda de referencia, o que lle permite envorcar no mercado billóns de dólares sen sustento económico e sen perder valor por unidade de moeda, todo grazas ao seu poder militar (daquela que teña que facer cada vez máis uso e exhibición do mesmo). Non é casual polo tanto que sexa nestes ámbitos onde exercen a maior presión. Máxime contando co apoio de socios subalternos, que comparten o reparto do botín ou que son forzados pola ameaza. Grazas a esta suma de factores, realizan coa maior impunidade intervencións militares, sancións e bloqueos económicos, pirateo de datos, e fan unha utilización partidista dos organismos internacionais, contra as nacións que se lle opoñen ou manteñen políticas independentes. Onde conduce todo isto?

O propio secretario xeral das Nacións Unidas, o portugués António Guterres, fala dunha nova “guerra fría”. Mais deberíamos caracterizar o momento como a pretensión dos Estados Unidos de dividir o mundo en dous bloques, para deste xeito mudar a tendencia que lle é desfavorábel nesta conxuntura, sen que iso implique o remate da globalización neoliberal, só unha adaptación aos seus intereses. Por iso está a arrastrar os seus aliados a esta estratexia tan perigosa. Mesmo aqueles que, como Alemaña, teñen moito que perder a curto prazo, dada a súa dependencia enerxética de Rusia. Para non me alongar moito na análise, vouna sintetizar un chisco:

Deberíamos caracterizar o momento como a pretensión dos Estados Unidos de dividir o mundo en dous bloques

 

A) O tempo avanza a prol de China e outras potencias, como a India, Rusia, Turquía, etc, aportando á globalización valor, tanto á demografía como á capacidade tecnolóxica, debido a que todo está en relación coa produción e o consumo, que permite ampliar ao máximo a explotación e os beneficios das corporacións. Neste marco, Washington optou por illar a China, antes de que sexa demasiado tarde. E está disposto a facelo, mesmo a costa de afectar a algunhas das súas empresas e sectores. A hipótese sería reproducir o contexto da guerra fría. En poucas  verbas: forzar o esforzo militar das potencias emerxentes, reducir o seu comercio externo e bloquear a entrada de tecnoloxía occidental. E como consecuencia, colocar muros de contención á nova “ruta da seda”. A venda de mísiles Patriot a Polonia e Ucraína, a segura división de Siria, a política agresiva contra Corea do Norte, as incursións da frota norteamericana no Mar Negro e no Mar do Sur de China, son parte desta escenificación belicosa. Tamén o son as regresións democráticas en América Latina e na Unión Europea, e a presenza cada vez maior dos Estados Unidos e Francia no continente africano. 

B) Para conseguir estes obxectivos tentaron primeiro, xa co governo de Obama, rachar a alianza entre Moscova e Pequín, para debilitar os chineses no aspecto militar e illalos dunha fonte de recursos primarios e enerxéticos fundamental. Como non o conseguiron, mallan agora economicamente na Rusia, para forzar a ruptura e sabendo que lles terá menos custos, xa que o mesmo proceso con China precisa ser máis de vagar, para evitar que os efectos sobre as corporacións e os consumidores norteamericanos sexan demoledores. O ataque a Rusia permítelle a Washington forzar os aliados e extorsionar os países dependentes, e ir sementando na conciencia colectiva escusas que xustifiquen as agresións e rupturas. Contan para iso co control case absoluto, na maior parte do mundo, dos medios sistémicos, da cultura de masas e das redes. 

C) Resulta evidente que tanto Rusia como China non están nas verzas, e valoran na súa xusta medida o que está acontecendo, aínda que eviten botarlle máis pólvora ao lume. Porén, toman medidas preventivas diante dun contexto de bloques que semella imposíbel de evitar no inmediato. Neste escenario hai que entender a posta en escena de Putin sobre as novas armas estratéxicas rusas, capaces de repeler calquera agresión e destruír quen faga ese intento. Unha clara advertencia aos Estados Unidos e aliados. E no mesmo plano, aínda que neste caso centradas no eido económico, están as decisións do último Congreso do PC de China, que apostou por diminuír as desigualdades, tamén as territoriais, e protexer os ecosistemas. Mantense a mensaxe da globalización (que saben que ten moito de retórico nun contexto de bloques), e dáselle folgos á formación ideolóxica, conscientes de que o futuro será complexo. Todo indica que o lanzamento estes días do petro-yuan, baseado na asociación yuan-petróleo-ouro, en confrontación co dólar como moeda de referencia internacional, mesmo se hai tempo que se vén preparando, sería unha consecuencia desta aceleración do proceso de confronto.

Tanto Rusia como China non están nas verzas, e valoran na súa xusta medida o que está acontecendo  

 

Como afectará esta agudización do enfrontamento entre potencias? Sen dúbida terá aínda novas fases, antes de que unha das partes gañe ou se chegue a unha situación de estancamento, que só se podería clarificar a través dunha confrontación directa, algo que é improbábel. Significaría o fin da humanidade. O certo é que as liberdades democráticas, os dereitos laborais e sociais, as soberanías nacionais, a verdade e a solidariedade, serán as grandes sacrificadas polas potencias en disputa. Especialmente por parte das occidentais, acostumadas a séculos de doma, como xa estamos vendo no estado español e noutros países europeos. En calquera caso, as clases dominantes utilizarán todo o seu poder para fragmentar e enmudecer a clase traballadora, como xa está acontecendo. Mais unha confrontación desta dimensión tamén dividirá os poderosos respecto do camiño a seguir.

O imperialismo hexemónico non ten a loita gañada. Nen para evitar no futuro un mundo multipolar, nen para impedir que remate a explotación de clase e a opresión nacional

 

Polo tanto, cómpre repetilo cen veces: o imperialismo hexemónico non ten a loita gañada. Nen para evitar no futuro un mundo multipolar, nen para impedir que remate a explotación de clase e a opresión nacional, nen para secuestrar permanentemente a liberdade de opinión e a democracia!!! Algo que ademais a historia reflicte unha e outra vez. Resulta evidente que para as maiorías, mesmo para os sectores que copian boa parte do discurso dominante, o capitalismo é un proxecto senil, que non ofrece perspectivas de vida mellor, destrúe os ecosistemas e aumenta a desigualdade. Padecen no cotiá como o  Governo e a xustiza serven esencialmente os intereses das clases altas. Daquela que, unha cousa é o que pretenden os poderosos, e outra ben distinta que o povo o acepte resignadamente, que non aproveite a súa capacidade numérica e as contradicións das clases dominantes para construír nacións xustas, democráticas e soberanas. E para isto é fundamental, como teimo tanto nestes artigos, realizar unha caracterización correcta da conxuntura, da correlación de forzas, do estado de ánimo das clases populares, da política de alianzas, e vincular o concreto co estratéxico.

http://manuelmera.blogaliza.org/