Novo tema o 20 de decembro

Volve Dios Ke Te Crew

O histórico grupo de hip hop galego levaba un par de anos inactivo. Nos últimos tempos tocaron nalgúns festivais e membros do grupo foron presentando diversos proxectos en solitario. A quinta feira 20 de decembro presentan novo tema, SILENCIØ.  Vídeo no interior

imaxe DKTC
photo_camera Imaxe promocional do regreso de Dios Ke Te Crew

O seu retorno chega tras, en palabras do grupo "un longo tempo de reflexión, de práctica da purificadora disciplina do silencio e o recollemento”, con esa retranca relixiosa que os caracteriza. Na primavera de 2019 sacarán disco, que virá acompañado dunha xira. SILENCIØ estrearase en plataformas dixitais ás 14:00 h da quinta feira 20 de decembro.

Dios Ke te Crew formouse en Ordes no 2003, tras se uniren 5Talegos e Ghamberros para o Festigal dese ano. Estivo composto polos mc’S García, Sokram, Mou e Jamas, máis Dj Murdock. As súas letras son extremadamente satíricas e reivindicativas e forman xa parte da historia musical galega.

No 2006 lanzaron o seu primeiro EP, composto por 16 temas e de nome Xénese. Autoeditado polo selo do grupo DKTC Sons e a editora galega Falcatruada, foi o primeiro disco de rap enteiramente en galego.

No 2011 sacaron segundo EP, Humanose. No 2013, na súa xira polo seu décimo aniversario presentaron aos asistentes dous temas inéditos: Dez e Heroes. Nos seus directos adoitaban combinar rap e hip hop con graffitti e breakdance.

Volta aos escenarios

"Volvemos porque nos peta e nos dá a gaña. Levamos un tempo sen publicar nada en conxunto e despois de varios traballos individuais dos membros voltamos aos escenarios", contan dende Dios Ke Te Crew a Sermos Galiza. "Nós somos así un pouco… tomámonos un tempo para sacar LP. Era necesario un tempo de descanso. Agora xa levamos un tempo traballando neste novo LP  e estamos a tope", afirman.

https://www.youtube.com/watch?time_continue=1&v=T7K44wDn5FQ

O estilo manterase no hip hop, mais cun son algo máis electrónico. Confían en que ao público lles guste o que traen preparado, sempre na liña de Dios Ke Te Crew. "Esperamos que a xente teña ganas de escoitar novas cancións, nós tamén temos moitas ganas. A esencia e a intención é a mesma", din a Sermos Galiza dende a banda. 

Unha das grandes ausencias será a do Mc García, que contou a Sermos Galiza que non estará na volta do grupo. “Eu fun o fundador e estiven 13 anos, mais xa non estou no regreso”, dixo.

O vídeo está gravado e realizado por AL Crego, un recoñecido artista galego que se encargará de toda a parte audiovisual do LP.

Comentarios