Opinión

A voltas co imposto de sucesións

Até de agora o único Goberno galego que aprobou unha reforma para reducir substancialmente o Imposto de Sucesións (IS)


Até de agora o único Goberno galego que aprobou unha reforma para reducir substancialmente o Imposto de Sucesións (IS) nos casos de herdanzas entre ascendentes, descendentes e cónxuxe/parella de feito foi o de coalición entre socialistas e nacionalistas liderado por Emilio P. Touriño e Anxo Quintana, que eximiu de impostos aos herdeiros deses grupos familiares que percebisen 125.000 € ou menos de base impoñíbel do imposto. 

A chegada de Feijóo, pola contra, supuxo un incremento moi notábel desta exacción fiscal pola fixación de valores para os bens absolutamente alleos á realidade dun mercado minguante. Custou un grande esforzo por parte da avogacía galega acadar dos Tribunais a moi substancial moderación destes valores, que gravaron nomeadamente a unhas clases medias xa dabondo castigadas pola Grande Depresión.

Quen dispoña en vida de todo ou parte da súa herdanza non ten que pagar por IRPF, segundo a doutrina do noso Tribunal Superior

Mais agora o Parlamento de Galicia incrementou esta exención para os mesmos grupos familiares até 400.000 €/herdeiro. Unha medida absolutamente electoralista que chega tarde de máis, tendo en conta o peso da pasada exacción fiscal na cidadanía. Malia que non deixe de presentar oportunidades para moitas persoas. Porque contar cun Dereito Civil de noso permítenos distribuir parte ou toda a nosa herdanza en vida, a medio de pactos sucesorios que tributan polo IS. Ademáis, quen dispoña en vida de todo ou parte da súa herdanza non ten que pagar por IRPF, segundo a doutrina do noso Tribunal Superior. Avantaxes da singularidade e do autogoberno.

Ábrese, pois, un tempo de oportunidade para poder planificar as sucesións, tendo en conta que unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE cuestionou o distinto trato entre residentes e non residentes neste imposto, polo que é probábel que en poucos anos haxa que abordar unha reforma da súa normativa. 
O IS ten moi relativa importancia recadatoria e até de agora ten gravado, nomeadamente, ás clases medias.

Porque as grandes fortunas adoitan adoptar fórmulas fiscais varias, só ao seu alcance, que lles permiten safar da súa exacción. É, xa que logo, moi dubidoso que este imposto teña algún efecto progresivo, sen prexuizo de que estea a gravar patrimonio adquirido cunhas rendas que xa pagaron IRPF no seu día.

Comentarios