Opinión

Voltamos á usurpación franquista dos montes veciñais en man común

Anda a circular entre algúns membros do Consello Forestal de Galiza, co formato da Consellaría da Presidencia, unha proposta pola que se modifica puntualmente a Lei 13/1989, do 10 de Outubro, de montes veciñais en man común.

As modificacións da lei de montes veciñais que plantexa esta proposta van en dous camiños: o da aberración xurídica e o da usurpación franquista. Dous camiños que encerran unha mesma postura ideolóxica, a postura de non admitir a existencia dunhas terras de carácter xermánico e. xa que logo, fóra do tráfico do comercio e do negocio, e a de non admitir que estas terras comunitarias sexan xestionadas democraticamente polos seus titulares, a veciñanza comuneira. Postura que defenderon sempre os intereses capitalistas, especulativos e urbanístico, amparados polos sucesivos gobernos do Partido Popular .

As modificacions da lei de montes veciñais plantexadas na proposta son unha aberración xurídica, xa que pretende que aqueles montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave desprotección perderán a condición do carácter xermánico e pasarán a ser montes de caracter público. Para os autores da proposta de modificación, as causas para declarar un monte veciñal en estado de graves desprotección son todas achacábeis aos titulares das terras  e non deixan de ser cuestións meramente burocráticas (que non se conformaran as xuntas reitoras a tempo) ou cuestions que foron permitidas pola Administración Forestal (ocupacións, usurpacións, repartos do monte veciñal), pero que llas achacan ás comunidades de montes. A transformación dun monte veciñal cara un monte público non é somentes unha aberración xurídica, é tamén o primeiro paso para proceder á sua privatización, xa que os ben públicos poden ser postos a venda. Dado que estamos na Semana de Pascua, podemos dicer aquilo de que “o franquismo resucitou “.

A transformación dun monte veciñal cara un monte público non é somentes unha aberración xurídica, é tamén o primeiro paso para proceder á sua privatización

Outra das modificacions que plantexa a proposta é que os beneficios que se acaden nestes montes veciñais usurpados sexan repartidos entre a Administración Forestal (60%) e os concellos onde radique o monte veciñal roubado (40%). Seguimos coas resurreccións. Agora están a resucitar o organismo, naquel tempo, denominado “Patrimonio Forestal Español”. Por certo, este foi o organismo do Estado Español que encheu os monte galegos de eucaliptus.

Ante esta usurpación sen paliativos dos montes veciñais en man común, a Organización Galega de Comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM) solicitou tanto da Consellaríaa de Medio Rural como da Consellaría da Presidencia que manifestasen publicamente se esta poposta para modificar puntualmente a lei de montes veciñais en man común actualmente vixente era un documento oficial ou un documento apócrifo.

Como ningunha das dúas consellarías contestou, cabe pensar -por aquilo de quen cala, outorga- que estamos ante un documento oficial (ou cando menos oficioso). Estamos diante do maior roubo dos montes veciñais de toda a historia. Cómpre paralos.


                                                          

    

Comentarios