O orzamento destinado polo goberno galego para esta convocatoria era "absolutamente insuficiente" e "apenas chegaba para cubrir un terzo das solicitudes", criticou Olalla Rodil, quen cualificou de "tomadura de pelo" a tardanza da Xunta á hora de axilizar todo o procedimento administrativo. Peor do que iso, con todo, é que persoas que cumprían todos os requisitos van ficar sen axudas por falta de fondos, subliñou a deputada nacionalista.
4.000 persoas mozas menores de 35 anos solicitaban estas axudas. O total de persoas de todas as idades inscritas en demanda de vivenda pública é de 14.000. Desde 2014 a Xunta non promove nen unha soa morada en réxime de aluguer, denunciou a parlamentar.
O resultado de "políticas tan ineficaces" por parte do Goberno galego son os baixos índices de emancipación xuvenil que presenta o noso país. De feito, Galiza é a terceira comunidade autónoma con menor número de persoas mozas entre 25 e 29 anos que poden acceder a unha vivenda propia, en réxime de aluguer ou de compra.
O BNG, anunciou Olalla Rodil, rexistará nas próximas semanas no Parlamento iniciativas para a Xunta garantir unha oferta de vivenda pública suficiente en réxime de aluguer.