MEMORIA

As voces da primeira década do Día da Patria Galega

Afirmaba Castelao que o 25 de Xullo era “a festa maior dos galegos”. Unha xornada reivindicativa ideada polas Irmandades da Fala en 1920 e recuperada en 1968 pola Unión do Povo Galego (UPG), quen resgatou a data na denominación e no contido. Contamos co testemuño daquela primeira década de conmemoración do Día da Patria da voz de Bautista Álvarez, Xesús Sanxoás, Saleta Goi, Xosé Estévez, Lois Diéguez, Maite Caramés, Margarita Ledo, Pilar Allegue, Francisco Rodríguez e Vicente Vázquez. Recollémelo no Sermos Galiza 255.

Alameda_25_xullo_1968 (1)
photo_camera [Imaxe: Fundación Terra e Tempo] Faixa do 1968 colgada na Alameda

10“Foi Bautista Álvarez quen puxo o nome do Día da Patria Galega”. Detrás do teléfono soa a voz do avogado Xesús Sanxoás, un dos dirixentes da Unión do Povo Galego (UPG) naquela altura. E así foi. Aos seus 84 anos, Bautista Álvarez lembra para Sermos Galiza os inicios dunha data que congrega cada ano en Compostela milleiros de persoas que reivindican Galiza como nación. “Non existía unha denominación clara. Un compañeiro preguntou que nome lle iamos poñer a ese día e eu dixen que o máis lóxico era poñerlle Día da Patria Galega, tendo en conta o antecedente dentro do Estado español, o Aberri Eguna do País Vasco”, sinala o que fora presidente da UPG. Corría o ano 1968, mais antes, galeguistas, vinculados ou non co piñeirismo, dábanse cita en Santo Domingos de Bonaval, con motivo do 25 de Xullo, para celebrar a “Misa de Rosalía”.

9“Era a única conmemoración de carácter nacionalista que existía”, lembra Bautista, “mais cando a UPG se organiza considera que é oportuno darlle un contido máis revolucionario e máis político a ese día”. Ademais de Bautista, tiñan asistido á misa Sanxoás ou Saleta Goi. “Casei co Manuel [Manuel María] en maio de 1959 e ese é o primeiro ano que vou á misa de Rosalía. Alí coñecín moitísima xente: Paco del Riego; Xaime Illa Couto coa súa muller, Cristina; Piñeiro; García Sabell; Beiras, pai e fillo; Bodaño, Avelino Pousa; Otero Pedrayo; os Álvarez Blázquez; Bouza Brey...”. A misa máis comentada das que tiveron lugar é a de 1969. “Ao saír, Bautista, Xavier Pousa, o Manuel... dixéronme ti ponte aí diante. E púxenme. Viñera bastante policía de fóra de Galiza porque nos últimos anos había máis movemento e a data fórase politizando. E de pronto saen de detrás miña uns berros Viva Galiza Ceibe. Houbo detencións. Entre outros, colleron a Xaime Illa Couto, que non tiña nada a ver, pero previamente querían deter a Otero Pedrayo, mais enseguida se oíu a ese no, a ese no, ben sabían quen era”. Bautista e Sanxoás foron dos que berraron “Viva Galiza Ceibe e Socialista”. “Estabamos xantando en Calo (Teo) e dixen que quería asistir á misa para facer o que fixen”, afirma Bautista. A decisión da dirección política da UPG non estaba exenta de polémica. “Non sucedeu como eu prognosticaba, mais si houbo unha acción moi parecida. Detiveron persoas que non tiñan a ver coa UPG”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 255 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios