Opinión

Que viva don Antonio e pereza “San Antón”

E pois é, este tamén é un deses artigos que veño escribindo case cada ano polo mes de maio desde hai décadas (o primeiro debeu ser “Día das Letras defuntas”, hai máis de trinta anos, cando La Voz aínda me publicaba, de modo que xa se ve para que serven).

O argumentario, o de sempre: o Día das Letras foi unha feliz iniciativa naquela altura dos anos sesenta e setenta, desde aquela debera ter mudado de carácter/celebrar os nosos mortos ten un sentido mais identificar a nosa lingua con xente maior que se dedicou ás letras e que xa está morta non anima á xente nova, tanto ten que a figura celebrada teña verdadeiro mérito literario (a metade das veces non o ten e hai que inventarllo falsificando a realidade e como a xente non é parva recoñece a impostura intelectual), faise unha beatificación mistificando a súa realidade humana e cívica... E algunhas outras cousas, como a proposta de celebrar as vitorias e non as nosas derrotas, etc.

Cando este ano a RAG escolleu a figura de don Antonio Fraguas (resérvolle o “don” porque aínda é unha persoa que morou entre nós, un veciño estimado) xa temía eu polo peor e así foi e así é. Antonio Fraguas foi unha persoa decentísima e de mérito, un cidadán valente nun país esmagado e nun tempo de indignidade que, do modo que puido, transmitiu a mensaxe de que aquí unha vez houbera un país que se chamara Galicia. Lembrar a súa figura é xusto e tamén preciso, dedicarlle un ano xa non mo parece.

O peor é que o que están a celebrar nel é a identificación entre cultura e lingua galega e un mundo rural que xa desapareceu (e que quen o coñeza algo sabe ben que non era mellor que este). E non. A historia do noso campesiñado é unha verdadeira epopea histórica e o mundo campesiño foi quen nos transmitiu historicamente a nosa lingua, diso non debera haber dúbida e da débeda que lle temos tampouco, mais a identificación entre cultura e lingua galega e a antropoloxía do rural preindustrial é perversa e só conduce á deslexitimación da lingua e a considerala como un resto a conservar no museu. 

Precisamente esa é a estratexia para minorizar a nosa lingua. Que non é "proletaria", nin labrega nin mariñeira, pois se tal fose, unha lingua de clase ou dun grupo humano daquela non podería ser unha lingua nacional e carecería de todo futuro.

Como ben se pode entender todo isto non ten nada a ver coa figura de Antonio Fraguas, que fixo o que debía e máis do que se lle pedía e que achegou para os demais todo o que tiña para dar. O que me preocupa é o poder desa ideoloxía invisíbel dentro do galeguismo, dentro do nacionalismo galego, ese aceptamento da minorización e da subalternidade. A concepción da lingua galega como rexional, como unha fala rústica dentro da gran lingua española. 

Non me estendo, estou aborrecido de insistir en que onde está o mérito e o máis valioso para a nosa lingua e o noso país son as persoas novas neofalantes, esas persoas que deciden falar e vivir no noso idioma contra todo e por orgullo e dignidade de país. Esas persoas que colocan mal os pronomes e que practicamente carecen de prosodia mais que teñen un mérito inmenso e non tantas persoas maiores que falan un galego enxebre porén non queren nin poden transmitir a lingua pois a súa ideoloxía llelo impide. O que temos que celebrar é ofrecerlle á sociedade é a creación contemporánea na nosa lingua na música, no cinema, na literatura, na ciencia, no pensamento... E hai que dar cun modo novo de celebrar o noso.

En fin, até o ano próximo se non hai novidades.

Comentarios