Opinión

A vitoria de AMLO abre unha porta á esperanza en México

O dous de xullo de 2012 publicaba en Sermos Galiza un artigo titulado En México non foi posíbel, Obama pode durmir tranquilo e nel analizaba a derrota electoral de Andrés Manuel López Obrador, coñecido popularmente como AMLO, na súa segunda tentativa de acceder á presidencia da Unión de Estados Mexicanos. Pasados seis anos podemos dicir que a vitoria de AMLO onte vai facer que Donald Trump teña un mal sono esta noite, dado que na súa fronteira sur prodúcese un terremoto político que lle vai dar máis dunha dor de cabeza.

Se ben AMLO non é un revolucionario o seu acceso á presidencia de México si que podemos consideralo un feito revolucionario ao rachar cun monopolio político de 89 anos, nos que o Partido Revolucionario Institucional-PRI gobernou 77 e o Partido Acción Nacional-PAN, 12. Feito revolucionario que abre múltiples incógnitas pero que é unha grande porta aberta á esperanza, nun estado como o mexicano que leva décadas sumido nunha grave crise cuxo escaparate para o exterior son as matanzas relacionadas co narcotráfico, a narcopolítica e os feminicidios; pero que ten outros elementos que afectan tanto ou máis aos seus preto de 123 millóns de habitantes, como son a corrupción, a profunda brecha social e económica, a pobreza, a discriminación dos povos indíxenas e a perda de soberanía.

AMLO é un nacionalista que neste momento defende unha proposta política para a refundación do estado mexicano, proposta que denomina a Cuarta Transformación da Historia de México, sendo as tres anteriores transformacións a Independencia e a chamada Reforma acontecidas no século XIX e a Revolución de 1910. Esta cuarta transformación que propón AMLO márcase como obxectivos para os seus seis anos de presidencia rematar coa violencia e cos privilexios, adoptar medidas para redistribuír a riqueza e frear as privatizacións.

AMLO é un nacionalista que neste momento defende unha proposta política para a refundación do estado mexicano

 

A verdade é que os seus obxectivos son moi ambiciosos e ten por diante un camiño complexo cheo de obstáculos; deberá sortear todas as trabas que lle van poñer quen até agora controlaron o enmarañado aparato político e administrativo e quen teñen o poder económico, que non van asumir de bo grado que se adopten decisións que poidan poñer en perigo os seus privilexios e os seus intereses. Non menos complexo e importante será armar un verdadeiro movemento político e social de apoio ás súas reformas.

A vitoria de AMLO é impresionante dado que, de confirmarse o reconto rápido de resultados, consegue chegar á presidencia co 53% dos votos, sendo este o maior apoio conseguido por un presidente na historia de México. Ademais os mesmos datos provisionais concédenlle a vitoria no Congreso e no Senado e en cinco dos nove estados nos que se celebraban tamén eleccións a gobernadores e parlamentos estatais, entre eles tres dos máis povoados, Cidade de México, Jalisco e Veracruz.

A vitoria de AMLO é impresionante dado que, de confirmarse o reconto rápido de resultados, consegue chegar á presidencia co 53% dos votos, sendo este o maior apoio conseguido por un presidente na historia de México

 

Pero a magnitude da vitoria non debe levarnos a engano, estamos diante dun feito histórico na realidade política mexicana pero ao tempo estamos diante dunha vitoria enormemente fráxil, dado que a figura de AMLO o cubre todo e non existe unha articulación social forte e estábel que poida defender e impulsar as novas políticas. A coalición Xuntos Faremos Historia é un instrumento conxuntural con compoñentes contraditorios, está integrada polo Movemento de Rexeneración Nacional-MORENA que é totalmente dependente da figura de AMLO; o Partido do Traballo de México, de esquerda e comprometido con AMLO desde hai anos pero cunha pequena presenza social; e o Partido Encontro Social, de dereitas e cunha orixe cristiá evanxélica, partido que mantén uns posicionamentos moi conservadores en determinados temas sociais e económicos. Ademais para ampliar a súa base de apoio electoral AMLO houbo de moderar determinados aspectos do seu programa político. Pero a principal fraxilidade está en que fóra desa coalición electoral non existe un movemento sindical nin un movemento social ou dos povos indíxenas que considere a AMLO o seu representante e estea comprometido coas políticas por el propostas. Crear ese movemento ou esa articulación de movementos sociais existentes que apoien e impulsen as políticas reformistas que precisa México é un labor urxente e fundamental a partir de agora.

Diante desta fraxilidade pode estrañar unha vitoria tan rotunda, pero quen coñece a realidade mexicana sabe que o resultado de onte é remate dun longo proceso de degradación do sistema político mexicano, proceso no que sumaron múltiples elementos: as máis de 200.000 mortes contabilizadas oficialmente desde que declarou o presidente Calderón en 2006 a guerra contra o narcotráfico; a violencia enquistada en todos os ámbitos da sociedade; a privatización de máis de 1.000 entidades estatais nos últimos trinta anos, destacando a xigantesca empresa petrolífera PEMEX e a Comisión Federal de Electricidade; as concesións de explotacións mineiras e de outros recursos naturais a empresas estranxeiras, sobre todo canadianas; o problema da emigración aos EEUU; as dramáticas consecuencias do Tratado de Libre Comercio de América do Norte para as condicións de vida e os dereitos dos traballadores e traballadoras, etc.... foron caldo de cultivo para un cabreo na povoación. E ese cabreo deu pé a un voto de protesta que se concentrou onte no apoio a quen ergue unha bandeira de esperanza tanto para os excluídos como para importantes segmentos da pequena e da media burguesía que viron como a degradación dun sistema político estábel durante decenios, baixo a preponderancia do PRI, rematou por converter México no que algúns analistas cualifican xa como o maior estado falido do planeta.

Estamos diante dunha vitoria enormemente fráxil, dado que a figura de AMLO o cubre todo e non existe unha articulación social forte e estábel que poida defender e impulsar as novas políticas

 

A vitoria de AMLO onte ten ademais importantes implicacións exteriores, dado que é un respiro e un apoio para os distintos procesos políticos alternativos que se dan en América latina nun momento moi delicado debido á recuperación de posicións por parte do imperialismo en Brasil, Arxentina e Colombia e a confusa e delicada situación pola que pasan Nicaragua e Ecuador. Se ben é certo que AMLO non ten sido moi explícito ao respecto da política internacional os seus chamamentos a recuperar a soberanía fan que o poidamos situar no lado de quen queren construír unha América Latina independente, e hai quen considera que un México progresista podería asumir o papel positivo que desempeñou o Brasil de Lula hai anos.

O sistema político mexicano fai que o presidente electo non tome posesión até o 1 de decembro, por tanto temos por diante cinco meses de transición nos que poderemos observar os múltiples movementos que se producirán antes da toma de posesión de AMLO, pero pase o que pase onte abriuse unha porta á esperanza e como dicía hai uns días un dirixente do combativo Sindicato de Electricistas de México “só o feito de ter un goberno que non nos mate e nos persiga será un gran avance e permitirá á esquerda reorganizarse, encher o baleiro político que deixou a falla de unha alternativa que realmente poida representarnos como esquerda.”

Comentarios