Opinión

O vitimismo do Celta é real

O Celta é unha vítima. Si, pero unha vítima sen verdugo. É unha vítima da falta de ideas.

 

O Celta é unha vítima. Si, pero unha vítima sen verdugo. É unha vítima da falta de ideas. É unha vítima das 'leis futbolísticas', que permite que un rival fiche a un xogador chave do teu equipo e que a semana seguinte colabore na túa derrota. Vítima dun sistema no que os millóns duns poucos son o meirande problema duns moitos. Vítima de ter convertido a Nolito no que é hoxe. Vítima de querer xogar ao fútbol.

O Atletico matou ao Celta en dúas contras rápidas e executadas limpamente, como adoita a facer o equipo do Manzanares. Non perdoa. Pero ao Celta cóstalle máis xerar ese dano porque a súa maior ferramenta é o balón e cando o perde, perde a súa identidade. Onte o Celta foi mellor en moitos tramos do partido pero botou, unha semana máis, moito en falta a Nolito. Orellana só non pode, volveu ser de novo o mellor xogador do equipo pero o resto de compañeiros non axudaron nas súas aventuras na área do Atletico. A maxia do Nolito é o alimento do Celta nos últimos metros, incluso cando non está ben, sempre deixa no terreo de xogo unha xogada máxica que pode decantar o partido para o lado celeste. A súa marcha a estas alturas da tempada sería o mazazo definitivo para un equipo que aínda ten que sobrepoñerse á repentina marcha de Augusto, o capitán sen galóns. O Celta está tocado en dúas posición fundamentais para o xogo do equipo, o mediocentro e as bandas. Augusto deixou ao Celta sen o home que marca o xogo do equipo. Pero no fútbol, como na vida, cada un ten dereito e é dono do seu destino para buscar a opción que máis lle favorece, económica ou futbolísticamente, por moito que fastidie. O inxusto da situación son as leis do fútbol que até ben pouco impedían que un xogador que tivera xogado máis de cinco partidos cun equipo da mesma competición puidese ser fichado a metade de tempada. Así un equipo configurado a comezo de tempada queda desarborado nun momento chave na competición. Obrigado a buscar un substituto de garantías nun mercado de 'últimas oportunidades'. 

O inxusto da situación son as leis do fútbol que até ben pouco impedían que un xogador que tivera xogado máis de cinco partidos cun equipo da mesma competición puidese ser fichado a metade de tempada

O Celta non mereceu gañar contra o Atlético pero si merece un pouco de boa sorte para encarar a segunda metade da competición con alegría e ilusión para rematar por todo o alto a gran tempada que até o de agora está facendo o equipo. Non cabe a menor dúbida que o ano pasado rematou cuns número excelentes, o mellor que podemos pensar é que despois dunha derrota todo o que vén será mellor. O Celta é ademais un equipo loitador, que non renuncia nunca á vitoria e así foi e será sempre.

O mellor que podemos pensar é que a primeira volta rematou, que comeza unha nova etapa na competición e que Nolito, se todo marcha como debería, estará listo para o Levante. E medio Nolito, tal é como está o equipo, é moita axuda.

Comentarios