Visados a xornalistas, nova lea entre os EUA e a China

O Goberno chinés instou onte os Estados Unidos a reverter "inmediatamente" a restrición aos visados. Por outra banda, Wuhan rexistrou o primeiro foco de infección tras a fin da corentena.
trump-xi
photo_camera trump-xi

O Goberno chinés instou onte os Estados Unidos a reverter "inmediatamente" a restrición aos visados de xornalistas aprobada a semana pasada. De non ser así, sinalou, resérvase o dereito de adoptar medidas de represalia que non especificou.

O portavoz do Ministerio de Exteriores, Zhao Lijian, condenou a medida en conferencia de prensa e cualificouna como un exemplo de "opresión política", segundo a axencia de noticias Xinhua. Se Washington non dá marcha atrás, Beijing "tomará medidas", advertiu.

O Departamento de Seguridade Interior dos Estados Unidos anunciou na sexta feira un límite de 90 días para os visados de xornalistas, alegando como razón a "represión do xornalismo independente" no xigante asiático. O permiso pode ser prorrogados en períodos sucesivos de tres meses.

A Administración de Donald Trump elevou con esta medida as críticas ao Goberno chinés, ao que xa recriminara a expulsión en marzo de varios xornalistas de rotativos estadounidenses. En febreiro, ademais, o Goberno estadounidense designara como axentes estranxeiros cinco medios públicos chineses.

"24 mentiras"

Este novo enfrontamento súmase aos moitos outros que manteñen desde hai meses as dúas potencias, especialmente desde o comezo da crise do coronavirus. O último movemento chegou na fin de semana, cando o Ministerio de Asuntos Exteriores chinés publicou un informe de 30 páxinas onde refuta as acusacións chegadas desde Washington, nomeadamente por parte do secretario de Estado, Mike Pompeo. Entre outras, que a China retivo información sobre o coronavirus e que o patóxeno saíu dun laboratorio de da cidade de Wuhan.

O documento pretende desmontar o que o Goberno chinés chama "24 mentiras" sobre a xestión do brote do SARS-CoV-2, ofrecendo unha explicación cronolóxica dos feitos, que segundo as autoridades do país asiático, demostran que se ofreceu á comunidade internacional información de maneira "aberta e transparente".

A respecto do caso de Li Wenliang, o médico falecido que tratou de dar a voz de alarma ante a perigosidade do brote en Wuhan, o documento asegura que nunca foi arrestado, en contra das informacións aparecidas nos medios occidentais, e que simplemente recibiu advertencias por parte da policía por "difundir rumores".

Novo foco

Por outra banda, Wuhan rexistrou onte un novo foco de infección, o primeiro desde que as autoridades retiraron as medidas de corentena. As autoridades locais rexistraron polo momento cinco novos casos.

Comentarios