Opinión

O virus da ignorancia

Vexo con preocupación a unha cobertura do caso de difteria acontecido en Olot por parte dos medios. A raíz deste, proliferan os argumentos contrarios á vacinación,  opostos en ocasións a outros a favor (ás veces nin sequera isto), como se estivesen ao mesmo nivel. Isto é, preséntase unha opción minoritaria e anticientífica en pé de igualdade con outra fundamentada en datos certos e case un século de inmunización.

Vexo con preocupación a unha cobertura do caso de difteria acontecido en Olot por parte dos medios. A raíz deste, proliferan os argumentos contrarios á vacinación,  opostos en ocasións a outros a favor (ás veces nin sequera isto), como se estivesen ao mesmo nivel. Isto é, preséntase unha opción minoritaria e anticientífica en pé de igualdade con outra fundamentada en datos certos e case un século de inmunización.  Non existe debate científico en torno á vacinación, como non existe debate en torno á teoría evolutiva. Tratarei de rebater os principais argumentos que se verteron nos medios dende unha postura de esquerdas e polo tanto, materialista e científica.

<" A inmensa maioría da comunidade científica está de acordo en que a vacinación é positiva e necesaria".

1. O primeiro que se insinúa é  que os pais que non vacinan os seus fillos son conscientes e responsables, ao contrario que os que vacinan, que unicamente seguen á masa. A inmensa maioría da comunidade científica está de acordo en que a vacinación é positiva e necesaria. As nais e pais que deciden conscientemente non vacinar están a ser enganadas por persoas que se moven por outro tipo de intereses, de tipo económico ou doutra índole. Como exemplo, o famoso artigo que vencella vacinas e autismo, a raíz do cal o seu autor, Andrew Wakefield, resultou finalmente inhabilitado por demostrarse que promovía un lucrativo negocio en torno a alternativas "naturais" á vacinación. Os argumentos destes pais e nais poden ser benintencionados, pero parten dunha profunda ignorancia de como funcionan as vacinas, o sistema inmune e a prevención sanitaria en xeral. Pode que teñan máis información, pero é información errónea, anticientífica e moitas veces directamente fraudulenta. Artigos de opinión como o de Ilduara Medranho son o perfecto exemplo de información errada, partindo da base de que polo feito de que algo sexa "alternativo" é mellor ou máis fiable. 

2. Por que os nenos que non se vacinan non padecen máis enfermidades, se as vacinas son realmente tan necesarias? Isto é así grazas á inmunidade de grupo. Dado que os outros nenos cos que se relacionan están vacinados, é pouco probable que se contaxien. Por outra banda, si poden actuar como vector de enfermidades cara outros nenos de menor idade que aínda non estean inmunizados de acordo co calendario vacinal. Polo tanto, o que non vacina aprovéitase de que os outros si o fan, nunha actitude que, de ser consciente, é profundamente egoísta e moi afastada do que unha agardaría nunha persoa supostamente comprometida co colectivo.

 "O que non vacina aprovéitase de que os outros si o fan, nunha actitude que, de ser consciente, é profundamente egoísta"

3. Tamén se escoitou nos medios que continúa a vacinarse de enfermidades xa erradicadas.  Erradicada só está a varíola, o resto de enfermidades infecciosas poden non darse nun determinado territorio, pero como comprobamos tristemente, non están erradicadas, poden reaparecer. Por iso é importante continuar vacinando. Por certo, da varíola xa non se vacina porque, como xa dixen, está erradicada. 

4. Afírmase que os casos de enfermidades que se dan non están relacionados coa non vacinación, senón con outros factores, mais os casos de reaparición de doenzas xa desaparecidas nun territorio teñen que ver directamente coa non vacinación, que vai da man da exclusión social. A inmensa maioría da poboación non inmunizada non o está por motivos socioeconómicos (inmigrantes que non se vacinaron no seu país de orixe, nenos nacidos en situación de exclusión social sen acceso ao sistema de saúde) e non por decisión "libre e autónoma". Se o 100% dunha poboación está vacinada dunha doenza, a posibilidade de que reapareza é ínfima, independentemente das condicións de vida. Por suposto que mellorando as condicións de vida e a hixiene diminúen as enfermidades, pero os virus e as bacterias son seres vivos cos que compartimos medio, e non van desaparecer unicamente por unha mellor hixiene e alimentación. De feito, a vacinación, xunto co tratamento de augas, foi un motivos do descenso da mortalidade nas clases populares no século XX. Non tiremos pedras contra os nosos propios tellados de clase.

"Nunha simple busca en internet, a inmensa maioría das páxinas que aparecen sobre as vacinas son antivacinas, e iso non reflicte para nada a postura científica"

5. A falacia do "natural". Outro argumento que se emprega é a idea de que as enfermidades son "naturais", e non pasa nada por padecelas, mentres que as vacinas son "artificiais".  Enfermidades aparentemente banais, como o sarampelo, poden producir complicacións graves e incluso a morte, polo que o máis recomendable é que non aparezan. Por outra banda, a inmunización é unha práctica que se leva realizando miles de anos por simple observación, por exemplo, forzando o contaxio da tuberculose bovina porque se sabía que protexía da humana, máis agresiva. A vacinación moderna fai o proceso universal e accesible a todas as persoas. Ademais, utiliza o propio sistema inmunitario humano e os seus mecanismos para lograr un proceso que se da de xeito aleatorio, facéndoo sistemático. Aínda así, o coñecemento científico non se xulga polo "natural" que sexa, senón polo seu grao de efectividade e polas vidas que logra salvar. 

6. Relaciónase as vacinas cos intereses das grandes farmacéuticas. As grandes farmacéuticas son o mal, completamente de acordo. É un problema do modelo económico capitalista que debemos loitar por cambiar. Pero as empresas farmacéuticas gañan moito máis con outro tipo de tratamentos que coas vacinas, que ademais en moitos casos non teñen xa patente ou esta foi liberada polo seu descubridor, como o caso de Jonas Salk, que liberou automaticamente a patente da vacina da polio despois de descubrila.

"Queren que paguemos polas vacinas, e o primeiro paso é convencernos de que é unha cuestión de opinión individual, e non de saúde pública". 

7. Din que as vacinas conteñen produtos tóxicos. Naturalmente que calquera produto pode producir unha reacción alérxica nunha pequena porcentaxe de casos, incluídos alimentos, sementes, etc. Por outra banda, determinados minerais supostamente tóxicos existen na nosa dieta de xeito natural (aluminio, magnesio...) e son necesarios en pequenas doses, os chamados oligoelementos. O que acontece é que, dende a ignorancia máis absoluta, hai quen xoga a colocar certos elementos da táboa periódica (elementos esenciais presentes en todo o universo) como "bos" e outros como "malos". Nesta argumentación, o ferro é "bo" pero o magnesio é "malo", non se sabe moi ben por que. Estamos expostos incluso a radioactividade a baixas doses de xeito natural, e isto non é prexudicial. As reaccións alérxicas que se poden dar, a maior parte delas leves, son as mesmas que se poden dar con certos alimentos, e non teñen que ver con que os compoñentes das vacinas sexan tóxicos. Hai xente con alerxia á proteína do leite, ou aos cítricos, e non se nos ocorre dicir que son tóxicos. Cando houbo problemas cunha partida concreta de vacinas, igual que doutros fármacos ou de algún alimento (os cogombros, hai poucos anos) retirouse do mercado. Son tóxicos os cogombros?

Nunha simple busca en internet, a inmensa maioría das páxinas que aparecen sobre as vacinas son antivacinas, e iso non reflicte para nada a postura científica. Só reflicte onde están os cartos: nos grupos neoliberais que promoven a liberdade individual como ben supremo (os principais defensores do movemento antivacinas son lobbies ultracapitalistas norteamericanos) e cal é a actual deriva da planificación en saúde, afectada cada vez por máis recortes e deslizándose perigosamente cara a privatización. Noutras palabras: queren que paguemos polas vacinas, e o primeiro paso é convencernos de que é unha cuestión de opinión individual, e non de saúde pública. Non lles fagamos o xogo dende a esquerda no mercadeo cos nosos dereitos sanitarios.

Iria Veiga
Médica do Sistema Galego de Saúde

Comentarios