Opinión

Violencias

A violencia extrema contra as mulleres é o asasinato, o mullericidio, en palabra acuñada por Emilia Pardo Bazán en oposición a eufemismos como “crime de honra” ou “crime pasional”. Porén, o camiño que leva a estrangular unha muller, a rachar a súa carne cun coitelo está empedrado das violencias cotiás que adoptan moitas facianas, social, económica, persoal, familiar, simbólica, lingüística, discursiva, entre outras. Nunca afirmaremos demasiadas veces que a violencia contra as mulleres non é un fenómeno meteorolóxico, hai axentes que o causan.

O patriarcado, como forma de organización social na que a muller sofre múltiplas exclusións, é responsábel desde o punto de vista global; as súas manifestacións son como cen raios dun polbo que chegan a todos os recantos, ditando normas de conduta, lexitimando o que é bo, “normal”, o que “foi sempre así”, condenando ou ridiculizando as esixencias de igualdade.

Cómpre admitir que a exclusión, a discriminación, ten dúas caras: as mulleres son excluídas de ámbitos dos que os varóns dispoñen para o seu exclusivo desfrute; á discriminación das mulleres nos espazos de poder, intelectuais, científicos ou familiares corresponde unha posición de privilexio dos varóns. Se as mulleres non acadan postos de relevancia na investigación científica a razón non está nos seus xenes ou no seu cerebro, senón nos innumerábeis atrancos que obstaculizan o seu camiño.

Non é casualidade que os coidados, na crianza ou das persoas anciás, sexan atribuídos ás mulleres, o que sen dúbida resulta en meirande dispoñibilidade de tempo e enerxías para os homes. Violencias pequeniñas, aceptadas polas propias mulleres, como non comer nunca os zancos dos polos, as mellores pezas, que documenta Xabier Castro nos seus estudos. Apelo de novo a Pardo Bazán que, negando que as mulleres fosen “mellores” e en consecuencia podería esixirse delas máis sacrificios, afirmaba en 1892: “O asentimento perpetuo obtense dando á violencia e á servidume cor de deber e virtude”.

Refutaba así unha das moitas trampas da ideoloxía patriarcal, que as mulleres estarían obrigadas a coidar, a sacrificarse, por seren máis virtuosas. No camiño cara á igualdade as mulleres precisamos a colaboración dos homes, que debe comezar por recoñeceren que gozan de privilexios a custo das mulleres. Non se laien de que as feministas teimemos en denunciar as desigualdades: é necesario mentres sexa asasinada unha soa muller.

Comentarios