Violacións, rapas e humillacións: a represión de xénero

Con motivo do Día da Galiza Mártir recuperamos a memoria daquelas mulleres que sufriron crimes de xénero durante a represión: agresións sexuais, torturas e vexacións brutais. Aínda que esta modalidade de represión non adoitaba ser obxecto de denuncia por pudor ou vergoña, chegaron até nós testemuños do sadismo sexista. Eis un extracto da reportaxe publicado no número 309 do semanario Sermos Galiza.

[Imaxe: Cedida por "A memoria das mulleres] Juana Otero, mestra de Vilagarcía, rapada
photo_camera Juana Otero, mestra de Vilagarcía, rapada. Imaxe: cedia por 'A memoria das mulleres'.

2-17.23.15A Custodia Gama, con dous irmáns fuxidos, rápana e obrígana a pasear polas rúas de Pontevedra cun cartel nas costas, e outro no peito, que reza Roxa. A Pastora e Cándida Cordal, irmás de Castor, outro home escapado, sácanas da casa e fanas bailar espidas no centro de Cambados. A Encarnación Rodríguez bótanlle por riba sulfato con cal para as viñas e para evitaren queimarse, rápana e déixana cega para sempre. Despois viólana diante de seu home, Nicanor Barreiro, ao que antes lle rompen as pernas.

A Carme Jerez, da Fervenza (Vilamartín de Valdeorras), préndena en 1946. Queren  que delate a Abelardo Macías, O Libre e durante 10 meses é sistematicamente violada en grupo nos cuarteis da Rúa e da Cortegada e abandónana cun tiro. Paséana cando está encinta de catro meses. Queren, mais non o fai.

3-17.23.15Emilia Cabaleiro, natural de Redondela, é unha nai solteira que traballa no campo co seu fillo Antonio. De casa humilde, comparte a escaseza e a bondade, tal e como revela o investigador Luís Bará na obra Non des a esquecemento. O 13 de febreiro de 1937 decrétase a “cazaría humana” que dá pé a tres días de martirio en que Emilia e Antonio son acosados para descubrir a quen lle levan comida, tabaco e xornais. “Non había límites para a aldraxe, para a humillación, para o terror, para os signos do medo”, recolle a obra, era “a mensaxe do horror, o aviso para quen protexía os perseguidos”. O 16 de febreiro aparecen os corpos de Manuel Vázquez, Hixinio Fernández e Antonio Alonso na parroquia de Chapela, onde tamén dan cos corpos torturados e mutilados de Emilia e Antonio. “Conta a memoria do pobo que Emilia tiña os peitos seccionados e que lle meteran na boca o pene e os testículos de seu fillo”, agrega o libro.

A memoria tamén conta que Rosario Hernández, A Calesa, sofre a rapa e a violación. Tortúrana até que a asasinan e córtanlle os peitos. A súa familia nin dereito a bágoas ten, pois fondean o seu corpo perto das illas Cíes. Nunca voltou do mar.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 309 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios