Opinión

Vin polo aire

Cumprido un mes xa da publicación do inmundo chat dos altos mandos retirados do Exército “A XIX do Aire” e coincidindo coa polémica da inminente entrada no cárcere do rapeiro Pablo Hasél, o debate sobre a vara de medir existente arredor da prezada liberdade de expresión neste país é un asunto sobre o que cómpre reflexionar. 

O primeiro, e como vivimos nun momento de polarización sen sentido quero deixar claro que non simpatizo en exceso con certas actitudes de Hasél e mesmo me posiciono en contra de moitas, é o caso da mensaxe publicada en Twitter en marzo de 2016 xunto a unha fotografía da Grapo Victoria Gómez na que dicía “as manifestacións son necesarias, pero non suficientes, apoiemos a quen foi máis alá”. En cambio, unha condena con pena de cárcere por inxurias á Coroa, que suporá que Hasél será o primeiro rapeiro en Europa que ingrese en prisión, semella unha tomadura de pelo das boas a isto da liberdade de expresión e a democracia.

Comezaba esta columna falando e facendo a comparativa co chat dos militares porque neste caso o rechamante é que soñar con fusilamentos, malleiras e golpes de Estado semella está mellor visto. Delirar con aniquilar a 26 millóns de persoas non debe de ser para tanto…A afinidade destes militares coa ultradereita, co franquismo, coa violencia… non tivo unha resposta contundente por ningures. Ao mesmo tempo, cinco meses despois da fuxida de Juan Carlos de Borbón, rei emérito, poñendo terra e moitos quilómetros de por medio ante as investigacións xudiciais sobre o seu patrimonio, as supostas comisións e agasallos e a evasión de impostos non deu lugar tampouco a ningunha investigación oficial, máis aló da fiscalía do Tribunal Supremo.

Isto é como cando ensinamos ás nosas fillas e fillos a non pegar, a non insultar… pero amiguiños se as regras van acompañadas de excepcións segundo sopre o vento con diferentes varas de medir pouca credibilidade merecen. Sobre todo se o que semella saír sempre gañando unha e outra vez é o radicalismo dunha extrema dereita que segue estendéndose como un virus para o que non estamos a poñer vacinas.

Comentarios