Villares resume o debate das primarias: ou un modelo "soberano" ou un proxecto "dependente"

As primarias de En Marea están en marcha e o confronto non ten volta atrás. Esta segunda feira, Luís Villares, candidato á reelección ao fronte da candidatura Coidando a Casa, puxo directamente no albo Podemos Galicia, a quen atribúe intencións de controlar a confluencia. As primarias son sinteticamente o combate entre dous modelos distintos de organización: ou o soberano ou o dependente, veu dicir.

coidando a casa
photo_camera Un momento da presentación da candidatura 'Coidando a casa' [Foto: @coidando]

As primarias non van só de persoas —ou a reelección de Luís Villares ou o seu relevo polo ex deputado no Congreso David Bruzos—, senón tamén do contraste de proxectos distintos para a confluencia. 

Esta segunda feira, Villares resumiu o confronto nestes termos: "Un modelo que sexa plenamente soberano, no sentido de que son os inscritos os que deciden o rumo político de En Marea ou un proxecto que teña dependencias de espazos políticos que sexan externos á Marea".

E nesa dirección Villares —que fixo estas declaracións nunha conferencia de imprensa realizada en Lugo— carga basicamente contra Podemos, a forza política con máis efectivos (persoas inscritas) e, portanto, con máis capacidade para desequilibrar a votación, prevista entre o 1 e o 3 de decembro.

Villares reprochou ao recén eleito secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, a súa ausencia no último plenario de En Marea e a súa declarada vontade de outorgar un rol relevante á formación morada dentro da confluencia. "Non debe ser un partido o que ocupe a centralidade, son as persoas as que teñen que ocupar a centralidade", enfatiza o candidato á reelección. 

"Sería bon que o secretario xeral de Podemos en Galiza o tome en conta. Quen ten que decidir todo na Marea son as persoas. Persoas que por suposto poden estar afiliadas a un ou outro partido e iso é unha 'sumatoria'. Por iso son tan importantes os debates que facemos e por iso é tan importante vir aos plenarios, algo que non fixo o secretario xeral de Podemos en Galiza", dixo Villares.

Villares, a Podemos Galicia: "Non debe ser un partido o que ocupe a centralidade, son as persoas as que teñen que ocupar a centralidade"

 

Por súa parte, o parlamentar no Pazo do Hórreo e militante do sector errejonista de Podemos Marcos Cal declinou esta mesma segunda feira "entrar" en avaliacións sobre se o proceso das primarias vai ser tutelado pola formación liderada por Pablo Iglesias. Defendeu traballar "en positivo" e puxo en destaque que agora son as persoas inscritas —por volta de 4.400— as que "teñen que decidir".

O deputado pronunciouse nestes termos ao ser interpelado polos meios durante unha conferencia de imprensa no Pazo do Hórrreo convocada para dar a coñecer medidas de En Marea de combate contra a violencia machista.

Cal fai parte da lista Entre todos En Marea, a fórmula cristalizada polo sector crítico para tomar o poder orgánico na confluencia e que encabeza o ex deputado no Congreso David Bruzos. O seu núcleo básico é a Mesa da Confluencia, a nai nodriza en que navegan Podemos, Esquerda Unida e a Anova oficial e cuxo referente é Martiño Noriega, visto na contorna de Villares como un dirixente con ambicións de ser o cartaz do partido instrumental nas eleccións galegas de 2020.

Paula Quinteiro apoia a lista liderada por David Bruzos por que, segundo dixo, integra a "maior parte" das marés municipalistas

Presente na mesma conferencia de imprensa, a deputada Paula Quinteiro, tamén de Podemos, en concreto da corrente Anti-Capitalista, expresou tamén o seu apoio á candidatura de Bruzos, que ve como "moi plural" por integrar a "maior parte" das marés municipalistas.

Quinteiro foi protagonista dun polémico affaire —viuse envolvida nun incidente nocturno coa policía local compostelá— que resultou na súa petición de demisión, non aceptada, por parte da dirección encabezada por Luís Villares.

A cuestión saldouse cunha consulta á militancia de En Marea, que abrumadoramente se inclinou a favor da demisión de Quinteiro. Esta non se sentiu vinculada ao referendo por considerar que non rexistou unha participación suficientemente representativa da vontade das bases.

Comentarios