Perante o desemprego e a vaga de deslocalizacións de empresas que afectan a Galiza, Luís Villares defendeu que as compañías que opten por marchar ao estranxeiro devolvan as subvencións públicas que tivesen recibido.
Nunha reunión en Vigo do portavoz de En Marea co comité de empresa de Bosch, púxose de relevo que si é posíbel aplicar esta medida xa que “foi aprobada polo goberno de Italia e conta coa validación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea”, afirmou Villares.
No encontro con traballadoras e traballadores de Bosch, no que tamén participou Iris Malvido, candidata número un ao Congreso por Pontevedra, apostouse por unha reforma da Lei Xeral de Telecomunicacións co obxectivo de obrigar as empresas que se dediquen a este sector a levar adiante a súa actividade no país en que estean prestando o servizo.
Sinalouse a este respecto que o beneficio sería múltiple, xa que permitiría garantir de maneira máis exhaustiva a protección de datos.
Malvido esixiu que as empresas que operen en Galiza conten con atención en galego ao cliente
Por outra banda, Malvido enfatizou a esixencia de que as empresas que operen na Galiza conten con atención en galego ao cliente para asegurar que o servizo se preste desde Galiza e que, por tanto, axude á creación de emprego na nosa terra.
Desde En Marea avogaron de novo pola derrogación das reformas laborais, pois como sinalou a candidata, serviron para favorecer os despedimentos colectivos. Denunciou así, o expediente temporal de regulación de emprego realizado na sede viguesa de Bosch que por mor da lexislación vixente “non lles foi necesario que o ERTE fose negociado cos sindicatos”, alertou Malvido.
"A proposta da mochila austríaca formulada por Pablo Casado é unha auténtica estafa", denunciou Malvido
Para a candidata ao Congreso por En Marea a proposta da “mochila austríaca” formulada por Pablo Casado é unha auténtica "estafa", xa que suporía abrir un fondo ao que empresas e traballadoras e traballadores realizasen achegas mensuais para afrontar un despedimento improcedente ou para formarse mentres traballan.
Malvido denunciou que esta proposta do PP promove o despido gratuíto.