Villares lamenta que 4 deputados de En Marea apoiasen uns orzamentos que “toman o pelo a Galiza”

O portavoz da formación, preguntado sobre sancións e expedientes a estes parlamentares, mantén que “non me corresponde a min” adoptar esas decisións. Podemos, Esquerda Unida e Anova defenden a posición destes catro deputados. “Temos un problema”, recoñece Luis Villares.

Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.

Dos cinco deputados e deputadas de En Marea no Congreso só Alexandra Fernández tomou nota da directriz da cúpula do partido instrumental e votou contra os orzamentos xerais do Estado. As e os outros catro (Gómez Reino, Fernán Vello, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez) votaron as contas, coincidindo así co disposto polo grupo de Unidos-Podemos. Unha posición que o portavoz nacional de En Marea, Luis Villares, dixo “lamentar”, verbo que repetiu en varias ocasións. “Un mal día teno calquera”, manifestou na comparecencia ante a prensa tentado tirar ferro ao novo conflito aberto pola mañá. Porén, o propio Villares, a continuación, recoñeceu que non estabamos perante “unha cuestión menor”. Desbotou malia as preguntas insistentes dos xornalistas avanzar se a organización adoptaría medidas disiplinarias ou abriría expedientes contra eses 4 deputados e deputadas. “Non me corresponde a min decidir iso”. Concedeu, iso si, que “se os deputados non asumen as directrices da dirección, temos un problema que hai que solucionar”.

Foi contundente sobre a proposta de orzamentos do Estado, aos que cualificou de “tomadura de pelo a Galiza” e de “discriminatorios” para co país. Se En Marea, confesou, non presentou unha emenda á totalidade das contas foi “confiando na vontade negociadora” do PSOE para mellorar os orzamentos, Porén, “non houbo esa vontade”, dixo, e a comparecencia da ministra non fixo senón empeorar as cousas: “É inaceptábel”. Así pois, sinala, o non ás contas era a opción a tomar por En Marea.

Mais catro deputados e deputadas desmarcáronse dese voto. Luis Villares insiste en que, desde a asemblea constituínte de Vigo e por acordos posteriores, a dirección política do grupo de En Marea no Congreso asúmea En Marea. “Non estamos supeditados a Podemos”, insistiu.

Eleccións

Visión antagónica á de Villares manteñen nesta cuestión as tres principais formacións que deron pulo ao nacemento das mareas: Podemos, Esquerda Unida e Anova. As tres, a través doutros tantos comunicados, defenderon a posición de Gómez Reino, Fernán Vello, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez.

De novo, evidéncianse dous posicionamentos no seo de En Marea que xa hai tempo deixaron de ser diferentes ou discrepantes para convertirse en antagónicos. Coa convocatoria de eleccións xerais no ar e coas municipais e europeas ás portas, a fractura no partido pode evidenciarse no curto prazo.

Luis Villares, preguntado por se en caso de adianto electoral estaría disposto a repetir experiencia con Podemos e EU respondeu que gostaría de contar “con todo o mundo”. Posteriormente engadiu: “Iremos ás eleccións de tal xeito que fique asegurado un grupo parlamentar soberano”.

Comentarios