Villares di que o plenario do Consello das Mareas axudou a rebaixar tensións

O Consello das Mareas acordou fixar un segundo plenario na primeira quincena de xullo, cita para a que pospuxo aprobar cuestións que non se debateron na reunión do sábado, como a carta financeira e o regulamento interno.

photo_camera Membros da Coordinadora de En Marea após o Consello do 2 de abril

O Consello das Mareas reuniuse na tarde do sábado nun restaurante compostelán coa presenza de 28 dos seus 35 membros. As ausencias, segundo a formación, tiveron a ver con diferentes motivos. Na súa primeira xuntanza con Luís Villares como único portavoz de En Marea, o Consello acordou fixar un novo plenario para a primeira quincena de xullo.

En futuras reunións, que terán periodicidade mensual, abordaranse cuestións como a aprobación da carta financeira, un dos asuntos que provoca máis distensións no seo de En Marea, e outros regulamentos internos.  

A preguntas dos medios sobre se o Consello do sábado serviu para rebaixar a tensión entre as distintas correntes do partido, Luís Villares respondeu “si”, “si rotundo, sen nada que matizar”.

Segundo En Marea, no Consello aprobouse un “reparto de funcións” dentro dos órganos de dirección para facer “máis operativo o traballo” e, tal e como informou Villares, producíronse “abstencións” nas votacións sobre a asignación “dalgunhas áreas de traballo”.

O Consello das Mareas tamén aproveitou para apoiar explicitamente a moción de censura promovida por Unidos Podemos –grupo do que En Marea forma parte no Congreso- contra o goberno de Mariano Rajoy. Aliás, amosou o seu apoio ao goberno municipal de Ferrol, logo de que no último pleno un acordo entre PP e PSOE lle arrebatase competencias en materia orzamentaria ao alcalde, Jorge Suárez.

Comentarios