Opinión

Sobre o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba

Cuba, a súa realidade e o seu futuro son tema permanente na axenda política e mediática mundial, algo que podería resultar estraño tendo en conta que estamos a falar dunha illa de 110.860qm² e pouco máis de 11 millóns de habitantes. Pero esa illa leva 57 anos sendo a representación do mal para o imperialismo e leva os mesmos 57 anos sendo un exemplo de esforzo por construír unha sociedade máis xusta nunha nación plenamente independente para quen nos declaramos traballadores e traballadoras na loita pola soberanía dos pobos e polo socialismo.

Hai uns días celebrouse o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba, congreso que creou moita expectativa; a recente visita de Obama e o establecemento de relacións diplomáticas con EEUU, a delicada situación pola que están a pasar os procesos políticos progresistas e revolucionarios na rexión, a baixada do prezo das materias primas, saber que este é o último período coa presenza dos principais dirixentes da revolución nos postos de dirección do partido, a necesidade e tamén o medo diante das reformas que precisa a economía cubana..., todos aspectos moi importantes que no exterior crearon diante do congreso dúas correntes de opinión cando menos na maioría da opinión publicada. Había quen dicía que o congreso ou abría o camiño cara á chamada modernización que suporía a asunción das leis do capitalismo en todos os ámbitos ou non valería para nada, e había tamén quen dicía que ou non se tocaba nada do actualmente existente ou estaríamos diante dunha traizón ao socialismo bautizada xa como perestroika tropical.

E tamén houbo membros do propio partido e da sociedade cubana que amosaron publicamente incomodidade polo secretismo no que a dirección do PCC mantivo o debate dos documentos finalmente aprobados; un secretismo certo se o comparamos co proceso de debate do congreso celebrado en 2011 no que os famosos lineamentos foron debatidos por varios millóns de cubanos e cubanas tanto na illa como no exterior.

Pero que decidiu o congreso? 

Pendentes dunha lectura demorada dos documentos poderíamos dicir que a frase pronunciada por Raúl Castro “...o peor que pode facer un revolucionario é quedarse cos brazos cruzados...”, é a frase que resume o congreso. O Partido Comunista de Cuba decidiu non cruzarse de brazos e actuar, e decidiron como revolucionari@s que esa actuación e os cambios necesarios non supoñan unha ruptura interna nin no partido nin na sociedade cubana. 

A frase pronunciada por Raúl Castro “...o peor que pode facer un revolucionario é quedarse cos brazos cruzados...”, é a frase que resume o congreso

Ese non cruzarse de brazos é a autocrítica no balance de xestión, recoñecendo que até o momento non foi posíbel aplicar a maioría dos lineamentos aprobados no anterior congreso, un incumprimento debido fundamentalmente á falla de axilidade e ás resistencias debidas a unha inercia difícil de superar. Non cruzarse de brazos é tamén asumir que hoxe unha Cuba inmersa no mundo precisa ampliar o sector non estatal da economía ou pode colapsar, sen negar as contradicións e os problemas existentes de desequilibrio social xerados por esa ampliación e buscando solucións para atallalos.

Non cruzarse de brazos é tamén nos deixarse engaiolar polo sorriso de Obama sendo  conscientes de que a nova estratexia dos EEUU cara Cuba busca influír nese xa importante número de persoas que participan da economía privada, tentando minar a súa conciencia de xeito que se convertan en elementos activos da subversión contra o goberno e o sistema cubano, exercendo como cabalos de Troia. Fronte a esa nova estratexia o PCC considera que fronte a este novo perigo hai que reforzar o combate ideolóxico e cultural.

Haberá unha maior presenza do sector privado na economía cubana pero como manifestou Raúl  “Reafirmamos o principio socialista do predominio da propiedade de todo o pobo sobre os fundamentais medios de produción, así como a necesidade de descargar ao Estado doutras actividades non determinantes no desenvolvemento da nación. (...) As fórmulas neoliberais que propugnan a privatización acelerada do patrimonio estatal e dos servizos sociais, como a saúde, a educación e a seguridade social, nunca serán aplicadas no socialismo cubano.”

En canto ás reformas o congreso non decidiu un modelo xa pechado para aplicar; acordou abrir un proceso de discusión e debate entre o pobo cubano facendo énfase na necesidade de consultar a toda a sociedade cubana sobre como debe ser o “Modelo Económico e Social Cubano de Desenvolvemento Socialista”, é dicir, queren que o pobo sexa protagonista da conceptualización do modelo a aplicar.

O congreso non decidiu un modelo xa pechado para aplicar; acordou abrir un proceso de discusión e debate entre o pobo cubano facendo énfase na necesidade de consultar a toda a sociedade

E para dirixir o PCC na vindeira etapa decidiron non provocar unha ruptura substituíndo de golpe á xeración de Serra Maestra por cadros que naceron xa coa revolución; ampliouse o Comité Central de 116 a 142 integrantes dos que 55 son novos membros, e no Buró Político repiten a maioría dos actuais integrantes e a renovación fíxose por ampliación incorporando cadros novos.

Cuba está nunha situación moi complexa, se remata o embargo debe prepararse para un novo marco de relacións non só cos EEUU senón coa maioría dos estados do mundo. Desde fóra é moi doado para algúns criticar as decisións adoptadas e atreverse a falar incluso de traizón aos principios. Pero como dixo Raúl Castro, o Partido Comunista Cubano decidiu non quedar cruzado de brazos, errará ou acertará pero fará o posíbel para manter o socialismo. E a quen hoxe miran con desconfianza a Cuba, lembrarlles que en 1991 moi poucos daban un peso pola súa supervivencia despois de caer a Unión Soviética. Van alá 25 anos e esa pequena illa do Caribe demostrou a súa capacidade para resistir en condicións moi duras mentres outr@s entregaron as bandeiras e pasáronse ao inimigo; e hoxe esa pequena illa segue a dar ao mundo leccións de humanidade, de solidariedade e de empeño en construír unha sociedade máis xusta, nun país do mal chamado terceiro mundo que ten como veciño ao imperialismo.

Comentarios