O Vigo-Rías Baixas incorpora ás súas filas o 'Samurai' Benjamín Prades

A pandemia, que anulou case totalmente o circuíto asiático, posibilitou o feche desta fichaxe estrela
O 'Samurai' Benjamín Prades. (Foto: Vigo-Rías Baixas).
photo_camera O 'Samurai' Benjamín Prades. (Foto: Vigo-Rías Baixas).

O Vigo-Rías Baixas deixa practicamente fechado o seu cadro de corredores para a presente tempada cunha fichaxe bomba: o 'Samurai' Benjamín Prades. O tarraconense, que gañou a clasificación asiática da Unión Ciclista Internacional no ano 2017, únese ao proxecto presidido por José Luis Chamorro e xa é unha das incorporacións máis importantes do equipo  flúor en toda a súa historia.

A experiencia de Prades en Asia prolongouse durante sete exitosas campañas, desde que deu o salto ao profesionalismo en 2014 co conxunto xaponés Matrix Powertag, pasando logo a defender a camisola doutra formación nipona, o Team  Ukyo.

No seu palmarés oriental sobresaen o seu triunfo na xeral final do Circuíto de Taiwan en 2017, varias vitorias logradas no calendario xaponés, tamén no indonesio e o segundo posto asinado na Japan Cup de 2017, proba HC (fóra de categoría) do calendario UCI e na que participaron algúns dos equipos máis poderosos do planeta, como o  Lotto-Jumbo ou o Trek. 

O ciclista catalán tamén deixou mostras da súa calidade en Europa, pois en 2019 terminou quinto no campionato estatal de fondo en estrada, cruzando a liña de meta a só 18 segundos do gañador, o lendario Alejandro Valverde.

Ao bordo da retirada

A pandemia da Covid-19 paralizou case por completo a actividade competitiva en Asia, deixando Benjamín Prades ao bordo da retirada.

"Tiña dúbidas sobre se seguir, e ademais estaba un pouco desencantado da bicicleta", confesa o ciclista catalán.

Entón, e cando o mellor corredor do calendario asiático en 2017 estaba a piques de "comezar outra vida", recibiu a chamada do Vigo-Rías Baixas a principios do mes de xaneiro, que o convenceu "de afrontar este atractivo reto".

Comentarios