Cinco vidas imaxinarias de Celso Parada

Mil vidas viviu Celso Parada (Moaña, 1958-Vigo, 2019), como un dos actores de referencia do teatro galego actual. Velaquí cinco obras chave nunha traxectoria de décadas que tamén atravesou cinema -A lingua das bolboretas (1999), de José Luis Cuerda, ou O ano da carracha (2004), de Jorge Coira- e a televisión: apareceu en Mareas vivas, Pratos combinados ou Libro de familia.
1161010763cab_cacatuaverde
photo_camera 'A cacatúa verde' na versión dirixida por Eduardo Alonso para o Centro Dramático Galego. O segundo pola dereita é Celso Parada. Foto: CDG.

Ubu Rei (1988). Con Teatro de Ningures e dirección de Etelvino Vázquez, o actor participou nunha das obras máis salvaxes, inconformistas, divertidas e irreverentes do teatro máis ou menos moderno -data de 1896-, Ubu Rei, do francés Alfred Jarry (1873-1907). O texto que comeza coa célebre exclamación “Merdre!” foi, tamén, un dos primeiros traballos como profesional de Parada.

Morte accidental dun anarquista (1999). Xa na súa propia compañía, Teatro do Morcego, embarcouse nun texto clásico da protesta dramatúrxica europea. Escrito en 1970 polo italiano Darío Fo (1926-2016) e inspirado en feitos reais acontecidos nunha comisaría de Milán despois do atentando da Piazza Fontana, era unha referencia fundamental para Celso Parada. Dirixiuna Xoán Cejudo.

Os vellos non deben namorarse (2001). Outro clásico escenificado por Teatro do Morcego, a adaptación da comedia de Castelao (1886-1950) dirixiuna 70 anos despois da súa primeira estrea en Bos Aires o propio Parada, que tamén interpretou o señor Fuco. A compañía mantívoa en escena máis de 15 anos.

A cacatúa verde (2001). Dirixida por Eduardo Alonso para o Centro Dramático Galego, a peza do austríaco Arhur Schnitzlzer (1862-1931) -amigo persoal de Freud- serviu para que Parada ofrecese a Próspero, taberneiro que insulta os nobre clientes en vésperas da toma da Bastilla. “Farsa grotesca nun acto”, estreada orixinalmente en 1899, é tamén unha reflexión sobre o propio oficio teatral.

A Gran Ilusión (2002). Trátase dunha agre indagación na maxia e a loucura a través da arte que, en 1948, estreou o dramaturgo e cineasta italiano Eduardo de Filippo (1900-1984). Fracaso no seu día, logo adquiriu certo status de culto. Teatro do Morcego levouna ás táboas de novo baixo a dirección de Celso Parada e con notábel suceso.

Comentarios