DANIEL VILAVERDE, POETARRAS

"A vida de Feijóo dá para unha serie, non só para unha canción"

Unha canción sobre Alberto Núñez Feijóo e máis de 8 mil visitas na rede lanzaron os protagonistas deste proxecto audiovisual a escena. Na Galiza, din, "talento hai de sobra" o que falta é "oco" para dalo a coñecer. 

Poetarras
photo_camera [Imaxe Poetarras]

Nun só día o vídeo Feijóo tivo máis de 8 mil visitas en Youtube e foi partillado centos de vedes nas redes sociais. Trátase dunha letra aceda que ten como protagonista o presidente da Xunta e que rememora algúns dos momentos máis brillantes (e polémicos) da sua lexislatura. Eis o último sketch de Poetarras, un proxecto audiovisual nado hai un par de anos que xunta talento e creatividade audiovisual con crítica e a sátira. Daniel Vilaverde, Rubén Lino e Manuel Gago son para moitas persoas todo un descubrimento, para outras, os gañadores do premio á mellor webserie en galego do Carballo Interplay 2014. Conversamos con Daniel. 

Conseguístes máis de 8 mil visitas nun só día. Como o levades?
Estamos bastante sorprendidos polo éxito que tivo. Non estamos acostumados a ter tantas visitas. Mais estamos moi satisfeitos por sumarmos seguidores e que iso poida aumentar o número de visitas dos futuros traballos e mesmo dos anteriores, tamén. 

Como xurdiu a idea de facerdes unha canción sobre o presidente?
Temos esa faceta musical, tanto con cancións propias como con versións. Un día ocorréuseme relacionar o retrouso da canción de Katy Perry con Feijóo e, un pouco de carallada, comezamos a compoñela. Sempre tiven ganas de lle dedicar unha canción ao presidente da Xunta. 

Os últimos acontecementos que trascenderon sobre a súa vida ben dan para un narcocorrido...
[Ri]. Non pensara no narcocorrido... Feijóo non dá só para unha canción, a súa vida daría para toda unha serie. Ten esa habilidade para que, aquelas cousas que a outro o destruirían, a el non lle afectan. A xente esqueceu xa algo tan grave como as fotografías con Marcial Dorado. É un tío cunha vida intensa. 

"Feijóo ten esa habilidade para que, aquelas cousas que a outro o destruirían, a el non lle afectan" 

Para alén deste sketch, cóntame como xurdiu o proxecto Poetarras.
Xurdiu hai, máis ou menos, dous anos. Rubén, Manu e máis eu estudamos xuntos na mesma facultade e despois fixemos tamén un curso de guión. Na Galiza vimos que non había un proxecto dedicado a este tipo de humor baseado en sketches independentes, non relacionados uns cos outros. Só lembro Non saimos do lixo. Quixemos facer isto como algo novo co que lle darmos saída a un proxecto propio que non podiamos facer doutra maneira nen por outras canles. 

Cal é o obxectivo?
Aínda que na nosa definición poñemos que buscamos a ofensa o certo é que a nosa intención non é ofender a ninguén senón facer o que nos peta sen preocuparnos das molestias que causemos. Ora ben, se polo camiño molestamos a alguén, non temos por que desculparnos. 

Para alén de Feijóo tedes homenaxeado a algunha outra personaxe como Lady Di. De onde xorde o interese por estas personaxes?
Polo xeral, dáselle importancia aos heroes mais os anti-heroes tamén precisan ser reivindicados polo seu patetismo, por teren vidas complexas coas que podemos empatizar, pola súa desgraza persoal. Lady Di foi unha icona pop. Unha princesa que rematou sendo recoñecida polo pobo. Mais nos sketches procuramos temas variados, non tocamos un só pau. Falamos do conflito lingüístico, das relacións de parella...

Tamén facedes metáfora da sociedade do voso tempo como en Famme fatale.
Ninguén vive alleo á súa xeración. Semella que por facer humor non nos tomamos a serio certos temas mais si que facemos crítica reflexándoa através da ironía e a sátira. 

O voso traballo foi recoñecido no Carballo Interplay 2014.
Levamos o premio á mellor webserie. Este ano non nos presentamos porque eu fago parte do xuri. Porén, faremos unha jam session con diversos sketches e un pequeno concerto con algunhas das nosas cancións. 

"A rede está a ser unha vía para demostrar as capacidades que hai. Talento hai de sobra"

A rede está a servir para proxectar todo o talento que posúe este país no eido audiovisual?
Nas escolas de imaxe e de comunicación sae xente que non atopa lugar no sector porque non ten oco. Falta relevo. A rede está a ser unha vía para demostrar as capacidades que hai. Para darlle saída á produción e ver o estado do que goza o sector que é mellor do que parece. Talento hai de sobra. 

Proximamente que veremos en Poetarras?
Temos máis ou menos pechados os contidos desta tempada, aínda que logo incorporemos algunha cousa nova. En Interplay presentaremos unha canción sobre Carballo. Ao rematar a segunda tempada veremos. En todo caso non depende da repercusión que teñamos senón do tempo, as ideas e tamén dos cartos, que non é que precisemos moitos mais se alguén nos quere dar, xa sabe. 

Comentarios