Vicepresidencia da Deputación de Lugo inicia a retirada dos retratos dos presidentes franquistas

O deputado de Memoria Histórica Efrén Castro afirma que “as institucións non poden seguir mantendo símbolos de recoñecemento ou exaltación do réxime franquista”.

Deputación de Lugo
photo_camera Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou, a través da área de Memoria Histórica, os trámites para retirar dos corredores do Pazo de San Marcos os retratos dos presidentes da institución nomeados durante a ditadura de Primo de Rivera e tras o levantamento militar do 1936 e a posterior ditadura franquista.

Os retratos serán ofrecidos en depósito aos seus descendentes. No caso de non aceptalos, indica a entidade, gardaranse nun local acondicionado para a súa conservación.

O deputado de Memoria Histórica Efrén Castro explicou que “as institucións non poden seguir mantendo símbolos de recoñecemento ou exaltación do réxime franquista ou das persoas que o representaron e sostiveron, por respecto á memoria e dignidade das vítimas da represión”.

“Nun momento como o actual, coa reaparición de forzas políticas claramente fascistas, a memoria vólvese máis importante ca nunca. As accións en relación á memoria histórica, coma esta, non van dirixidas ao pasado se non ao futuro”, argumentou Castro.

A retirada dos cadros xa fora solicitada formalmente en 2018 a través dun rogo do grupo provincial do BNG mais non se realizou o procedemento para sacar as pinturas dos corredores do primeiro piso do Pazo de San Marcos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios