Vicepresidencia da Deputación de Lugo avoga pola institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir

Sarria acollerá os actos do 17 de agosto organizados pola entidade. As vítimas do franquismo serán lembradas cunha ofrenda floral, unha conferencia do historiador Rafael García Ferreira e a actuación de Raiceira

Efrén e maite

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e o deputado de Memoria Histórica Efrén Castro presentaron o acto de lembranza e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo que se celebrará o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, en Sarria.

O acto principiará cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra ás vítimas do franquismo na comarca. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia baixo o título "O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional".  A música de Raiceira acompañará a intervención.

Na presentación do acto, Efrén Castro avogou pola “institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir para lembrar a todas as persoas asasinadas e perseguidas polo franquismo en Galiza e  render homenaxe a Alexandre Bóveda”. Incidiu na “necesidade de desenvolver política públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fortalecemento dos valores democráticos, para proporcionar verdade, xustiza e reparación a todas as vítimas da represión e as súas familias”.

“A creación dunha área específica de Memoria Histórica foi un paso adiante para visibilizar e recoñecer ás vítimas. O inicio dun camiño no que imos seguir avanzando ao longo da lexislatura, da man dos colectivos que están a traballar neste ámbito. Nun contexto como o actual, de auxe da ultradereita que nega os crimes do franquismo e ataca dereitos e liberdades, é máis necesario ca nunca pular pola memoria dos que de verdade loitaron pola democracia, non dos falsos heroes da transición”, concluíu.

Comentarios