As viaxes do presidente, secreto de Autonomía

O PP volve vetar unha proposición para que Núñez Feixoo compareza no Parlamento após cada viaxe oficial para dar conta dos mesmos. As comparecencias na Cámara por ese motivo eran algo habitual até que o PP recuperou a Xunta.

feixoo miami eua
photo_camera O presidente da Xunta visitou o Porto de Miami durante a súa visita oficial a EUA. Foto: Xunta

O presidente da Xunta despregou nestes anos unha intensa axenda internacional, con viaxes que van da China ou o Xapón até Estados Unidos, Arxentina, o Uruguai, Colombia ou o Perú; pasando por Alemaña, Cuba, Reino Unido ou Brasil. De misións comerciais a viaxes institucionais. Feixóo leva -sen contar os periplos internos polo Estado español- camiño da trintena de viaxes polo estranxeiro como presidente. Nada que obxectar, a vertente exterior é fulcral para calquera territorio mais, cal é o rendemento destas viaxes? Hai algo máis aló da propaganda e (autopublicidade)?

Non é doado coñecer en que se concretan realmente, cal é o rendemento das viaxes e periplos internacionais do presidente da Xunta. Feixoo optou -rachando coa práctica do seu antecesor, Pérez Touriño- por non comparecer no Parlamento para dar conta das mesmas. Unha opacidade que se estende non só a estes aspectos mais tamén a cuestións como as relativas aos gastos das viaxes, facturas, etc…

O PP vén de blindar de novo esa falla de transparencia. O Partido Popular rexeitou no Parlamento unha iniciativa presentada polo PSdeG en Comisión Parlamentar e que solicitaba que o presidente da Xunta comparecese na Cámara despois de cada viaxe oficial. A oposición ao longo destes anos demandou, sen éxito, que o presidente galego explicase que rendementos ten para o noso país a súa axenda internacional.

O deputado socialista Juan Díaz Villoslada criticou que o goberno galego se limite a presentar un balance periódico da Estratexia Galega de Acción Exterior –Egaex- en conxunto por boca do director xeral de Relacións Exteriores nunha comparecencia en Comisión. Advertiu que Feixoo non explicou as causas nin os resultados das súas viaxes institucionais, que no que vai de Lexislatura inclúen visitas a Arxentina, Uruguai, Cuba, Portugal, China, Francia, Reino Unido, Israel, México e, recentemente, a Miami e Nova Iork.

Comentarios